Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Albergue de pereginos acolleu 577 peregrinos no mes de maio

4/06/2010

O ALBERGUE DE PEREGRINOS DE TUI ALCANZA 577 PEREGRINOS NO PASADO MES DE MAIO

 

Venres, 4 de xuño de 2010. O Albergue de Peregrinos de Tui continua tendo un importante nivel de ocupación neste Ano Santo Compostelá e así no pasado mes de maio foron 577 peregrinos os que ocuparon este albergue oficial do Xacobeo da nosa cidade ubicado a carón da Catedral, na rúa Párroco Rodríguez Vázquez.

 

Para calibrar este número de peregrino cómpre lembrar que no último Ano Santo, en 2004, en maio houbo neste albergue un total de 310 peregrinos e no pasado ano 2009 foron 293 persoas as que pernoctaron neste albergue. Mesmo foron superados amplamente os números de ocupación do albergue do pasado mes de abril con 378 peregrinos ou os 216 do mes de marzo. Comprobándose o paulatino incremento no número de persoas que continúan apostando por este camiño xacobeo cheo de historia e tradición.

 

A procedencia dos peregrinos que se achegan a este albergue é basicamente europea, salientando especialmente os de nacionalidade alemá, seguidos de peregrinos procedentes de Portugal, Francia, Italia, Polonia, Irlanda, Suecia, Finlandia, Holanda, Dinamarca, Bélxica e Austria. Doutros países no mes de maio chegaron ao albergue tudense peregrinos procedentes de Brasil, Estados Unidos, Cuba, México, Suiza e Corea. Entre os peregrinos españois salientan os procedentes de Andalucía, Valencia, Madrid, Estremadura e Castela e León.

Por outra banda, e segundo informa a catedral tudense no pasado mes de maio foron facilitades neste lugar un número aproximado de 800 credenciais para peregrinos, reafirmando tamén o notable incremento do número de peregrinos na nosa cidade.

 

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, os resultados de ocupación do albergue tudense ao longo do pasado mes amosan, nunha nova oportunidade, o interese que suscita o camiño portugués que é percorrido cada día por numerosos peregrinos que, como podemos comprobar polos datos anteriores, teñen unha procedencia internacional. Estas cifras deben incrementarse cos numerosos peregrinos que optan por aloxarse no albergue privado existente na nosa cidade.

 

O Albergue de peregrinos de Tui posúe unha capacidade de 36 prazas para peregrinos en liteira e abre todos os días ás 13,00 horas e pecha as súas portas ás 22,00 horas estando ubicado no corazón do conxunto histórico tudense. Para máis información os interesados poden chamar ao teléfonos: 986 600 729 - 638 962 806.