Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui alédase pola adicación do Día das Letras Galegas 2008 ao tudense Xosé María Álvarez Blázquez

2/07/2007


O CONCELLO DE TUI ALÉDASE POLA ADICACIÓN DO "DÍA DAS LETRAS GALEGAS" AO TUDENSE XOSE MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

 

O Concello de Tui amosa a súa satisfación polo acordo adoptado o pasado sábado polo Plenario da Real Academia Galega de adicarlle o "Día das Letras Galegas" do vindeiro ano 2008 á figura do intelectual tudense Xosé María Álvarez Blázquez. A Academia destacou que Álvarez Blázquez foi "o exemplo perfecto dun home polígrafo, erudito e interesado pola historia, a arqueoloxía ou a literatura", e destacou tamén o seu "importante labor" como editor.


Xa o pasado mércores a Xunta de Goberno Local acordara manifestar diante da Academia o seu apoio á candidatura de Álvarez Blázquez, cando o seu nome era barallado entre as posible alternativas. Agora coa confirmación desta homenxe o Concello tudense, segundo o seu concelleiro de cultura Moisés Rodríguez Pérez, salienta a súa ledicia por esta designación que recoñece o importante papel desenvolvido por Xosé María Álvarez Blázquez a prol da cultura de Galicia e amosa a súa disposición a colaborar coa Real Academia Galega e as institucións do país na difusión da vida e a obra do polígrafo tudense.

Xosé María Álvarez Blázquez é un persoeiro vencellado á cidade de Tui polo seu nacemento en 1915, e porque nesta cidade iniciou os seus traballos de investigación na prehistoria, e tamén ocupou unha praza de mestre no estoupido da Guerra Civil, que tan dramáticamente lle afectou, ao fusilar ao seu pai, o médico Dario Álvarez Limeses, e mesmo ser depurado como mestre e trasladado a un pobo de Zamora. Logo da su excedencia voluntaria, no ano 1942, comezou en Vigo unha intensa laboura cultural que ocupoulle toda a súa vida.

Álvarez Blánquez militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Fundou a Editorial Monterrey xunto a Luís Viñas Cortegoso, no 1950, editora que amparou o nacemento da denominada Nova Narrativa Galega, tamén fundaría Edicións Castrelos no ano 1964 que editaria a colección O Moucho, que abriu O catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal e popularizaría as obras de Rosalía e Curros Enríquez. Entrou a formar parte da Real Academia Galega no 1962. Morreu en Vigo no 1985.

Da súa obra en galego, destacan a colección de relatos Os ruíns (1936) e A pega rabilongo e outras historias de tesouros (1971), no xénero da narrativa infantil. Entre a súa obra lírica, o poemario, realizado xunto co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), unha das obras claves do neotrobadorismo, Romance do pescador peleriño (1954), ademais de Canle segredo, escrito no 54 e publicado no 76. Como ensaísta, publicou Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (no 59), Escolma de epigramas (1968), e Escolma de poesía medieval (1975).