A Aula CEMIT de Tui acolle catro actividades formativas nas próximas semanas
Desenvolveranse os obradoiro Expertclick e Extraordinarias, formación en IA para empresas, e ciberseguridade cara ao Nadal
A formación en competencias dixitais centrará as próximas catro actividades previstas en novembro na aula CEMIT de Tui.
As dúas primeiras terán lugar o martes 3 e o xoves 5 de novembro e chegan da man da Fundación Cibervoluntarios. O primeiro dos obradoiro “Expertclick” vai dirixido a persoas maiores de 55 anos que poderán aprender a configurar o teléfono móbil, realizar chats ou videochamadas, descargar apps, gozar de museos virtuais, música, facer xestións coa banca dixital, pedir unha cita médica en liña,… Consta de 4 horas lectivas a impartir de 10 a 12 h.
Tamén o martes 3 e o xoves 5 celebrarase a actividade “Extraordinarias”. Trátase dun proxecto destinado a mulleres que nesta actividade formativa coñecerán as ferramentas dixitais que poden axudar a impulsar o seu negocio, como ecommerce ou marketing dixital. Terá lugar en horario de 18 a 20 h.
Para estas dúas actividades a inscrición debe realizarse no realizarse no teléfono 670 24 56 33 ou no correo cfo@tui.gal.
Por outra parte o martes 10 de novembro 15 a 17 h impartirase o obradoiro “IA para reducir custes na túa empresa”. Esta actividade está organizada pola Oficina Acelera Pyme de ASIME, a Asociacion de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, coa colaboración do Concello de Tui. O obradoiro será impartido por Joaquín González de Informática San Benito.
As persoas participantes aprenderán a empregar ferramentas sinxelas de IA para optimizar os recursos do seu negocio. Será unha sesión 100% práctica na que coñecer como dar a IA as instrucións precisas, como automatizar tarefas administrativas, analizar as contas ou crear un axudante virtual. O obradoiro vai dirixido a autónomos, microempresas, comercios locais, e pemes de calquera sector. As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web de ASIME.
E por último o xoves 12 celebrarase a actividade “Prepárate para un Nadal Ciberseguro”, que forma parte da programación da Rede CEMIT. Na sesión que se celebrará de 17 a 18.30 h explicarase como realizar compras en liña de forma segura e detectar webs ou ofertas sospeitosas; como recoñecer fraudes, sorteos falsos, mensaxes enganosas e outras estafas típicas destas datas; e como protexer correctamente xoguetes intelixentes e dispositivos conectados que se poden recibir como agasallo. Nesta actividade, eminentemente práctica, ofrecerase información actualizada sobre .novos escenarios de fraude, exemplos máis actuais, novos riscos asociados ás compras e aos dispositivos conectados e as .recomendacións adaptadas ás ameazas dixitais actuais.
A inscrición pode realizarse a través da páxina web da Rede CEMIT no apartado da Aula de Tui, no 986 60 37 47 en horario matinal ou no correo cemit.tui@xunta.gal. (Inscrición aquí)
O Concello de Tui continúa así coa súa aposta pola formación en competencias dixitais para toda a poboación, dende iniciación para as persoas maiores, a iniciativas vinculadas ao emprendemento, e a ciberseguridade para toda a cidadanía.





