Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición sobre os Sambenitos da Catedral de Tui chega o próximo luns a Plasencia

22/10/2026

Poderase visitar no Centro Cultural Las Claras entre o 26 de outubro e o 11 de novembro

Plasencia acollerá dende o próximo luns 26 de outubro e até o 11 de novembro a exposición sobre os Sambenitos da Catedral de Tui.  A mostra puido visitarse anteriormente no Centro Sefarad-Israel de Madrid e nas cidades de Llerena e Ávila. Agora continúa a súa itinerancia achegándose á cidade de Plasencia, Cáceres, que forma parte, como Tui, da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad.

Esta mostra, composta pola reprodución das catorce pezas téxtiles procedentes do Museo Diocesano de Tui, constitúe unha fonte histórica de enorme valor e un dos testemuños máis directos e escasos da actividade inquisitorial.  A colección poderase visitar no Centro Cultural Las Claras.

A través dos sambenitos, a exposición propón un percorrido polo contexto social e relixioso da Galicia do século XVII, a actuación do tribunal inquisitorial e as dinámicas de persecución e sinalización que marcaron a vida de conversos, familias xudías e comunidades locais.

A inauguración da exposición terá lugar o luns, 26 de outubro, ás 19.30 horas na sede no Centro Cultural Las Claras.  Contará coa participación do alcalde de Plasencia, David Dóniga, do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do xerente da Red de Juderías de España, Iñaki Echeveste.

A continuación Rafael Sánchez Bargiela, historiador e comisario da mostra ofrecerá unha conferencia.

A concelleira de Turismo e Patrimonio tudense, Ana María Núñez Álvarez, sinala a que esta exposición sobre os sambenitos da catedral de Tui, logo da excepcional acollida que tivo na sede do Centro Sefarad-Israel de Madrid así como en Llerena e Ávila, achégase agora a unha localidade emblemática como é Plasencia que neste outono promove diversas actividades arredor do patrimonio xudeu.  A exposición, engade a concelleira, non só contribúe a difusión destas pezas do patrimonio tudense senón que é unha oportunidade para a promoción dos valores patrimoniais e turísticos da cidade de Tui.

O barrio xudeu de Plasencia foi un dos máis importantes de Estremadura, situado principalmente na zona da Mota. A comunidade xudía local mantivo unha vibrante actividade comercial e financeira que impulsou a economía da cidade medieval. Contaba con dúas sinagogas, sendo a máis destacada a que máis tarde se converteu na igrexa de San Vicente. Tras o Edicto de Granada de 1492, os xudeus foron expulsados ​​e os seus bens confiscados, deixando tras de si un rico legado cultural que hoxe forma parte da Rede de Juderías de España.

A sede da exposición é no Centro cultural “Las Claras”, un antigo convento reconvertido cuxa capela alberga a oficina de turismo. Nesta capela, ademais de escudos heráldicos, hai un fresco na honra de San Xoán Bautista. Tamén é neste espazo onde se exhibe a bandeira do Rexemento Provincial de Plasencia, que participou na Guerra da Independencia. Tamén acolle un pequeno museo táctil para persoas con discapacidade visual, onde poden tocar algunhas das representacións dos monumentos máis característicos da cidade e finalmente destaca o claustro cuberto, onde se celebran exposicións e teñen lugar importantes eventos municipais.