Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inaugúrase a exposición bibliográfica “O sentido de Alicia” colección de Fátima García Doval

13/10/2026

Recolle 90 edicións do libro “Alicia no país das marabillas” de Lewis Carrol

A Biblioteca Municipal de Tui acolle mañá, mércores 14 de outubro, ás 19,30 horas, a inauguración da exposición bibliográfica titulada “O sentido de Alicia” cunha escolma da colección de Fátima García Doval sobre o libro de Lewis Carrol “Alicia no país das marabillas”.

Fátima García Doval é profesora da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela (USC). É pedagoga, doutora en Didáctica e Innovación e unha das voces máis recoñecidas de Galicia nos ámbitos da educación inclusiva, a comunicación aumentativa e alternativa e a análise crítica da relación entre a adolescencia, a tecnoloxía e a educación. Coautora do libro "Ni frágiles ni idiotas", forma parte do proxecto ACCEGAL, que ten como obxectivo desenvolver solucións de accesibilidade mediante dispositivos móbiles para persoas con dificultades de comunicación. É unha voz absolutamente esencial no panorama nacional da educación baseada na investigación.

Pero tamén é coleccionista de edicións de “Alicia no País das Marabillas (de todas as épocas, formatos e idiomas) e unha escolma da súa colección -integrada por 90 libros- chega agora á Biblioteca Municipal tudense. Escrita por Lewis Carroll, en 1865, é unha obra fundamental da literatura mundial porque transformou o xeito de escribir para nenos e desafiou as normas lóxicas e sociais da súa época. Pero na exposición descubriremos como esta obra está chea de referencias a problemas de lóxica e matemáticas e como é unha obra cunha formidable influencia nas diferentes artes a nivel mundial con todo tipo de formas e expresións.

Esta exposición estará aberta no Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui ata o 10 de xaneiro de 2027. 

Sonsoles Vicente  a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, sinala que resulta un privilexio contar en Tui con esta mostra bibliográfica sobre esta obra tan importante da literatura infantil con edicións desta obra en numerosos idiomas e con algunhas particularmente significativas. O Concello de Tui agradece a Fátima García Doval a súa implicación nesta mostra que enriquece o programa de actividades do “Mes da Biblioteca” que promove o Concello de Tui.