Tui abre os seus espazos históricos e urbanos ao estudo académico da arquitectura
O alumnado de Arquitectura de CESUGA visitou hoxe o Teatro Principal e o conxunto histórico para coñecer de primeira man os ámbitos que serán obxecto dos seus traballos durante o curso 2026-2027
Tui será durante este curso escenario de estudo e reflexión académica para o alumnado do Grao en Arquitectura de CESUGA, que abordará diferentes espazos e retos urbanos e patrimoniais da cidade no marco dunha colaboración co Concello de Tui.
Un primeiro grupo de estudantes foi recibido hoxe polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na casa do concello onde lles deu a benvida e explicou as características do conxunto histórico de Tui e os grandes desafíos que presenta, faloulles do patrimonio da cidade, do que o Teatro Principal é unha das iconas, e da situación estratéxica transfronteiriza da cidade.
Posteriormente alumnado e profesorado realizaron unha visita ao Teatro Principal e ao conxunto histórico, acompañados polo historiador e técnico municipal Rafael Sánchez Bargiela. O percorrido permitiu ao alumnado coñecer directamente a realidade urbana, histórica e patrimonial de Tui antes de iniciar os diferentes traballos académicos.
Entre os ámbitos que serán obxecto de análise atópase o Teatro Principal, unha peza de especial relevancia no patrimonio e na memoria urbana da cidade. O alumnado estudará o edificio e a súa contorna, explorando diferentes posibilidades para a súa recuperación e para a súa integración na revitalización do conxunto histórico.
Os traballos académicos estarán tamén vinculados a outros espazos estratéxicos da cidade. No marco dos Proxectos Fin de Grao do curso 2026-2027, estudarán, entre outros ámbitos, varias parcelas actualmente desocupadas do conxunto histórico, así como diferentes puntos da fronte fluvial do río Miño.
A mobilidade, a accesibilidade, a relación entre Tui e o río, as conexións peonís e ciclistas coa contorna e as posibilidades de recuperación de determinados tramos da muralla medieval serán algunhas das cuestións que poderán formar parte destes traballos.
O obxectivo é que o alumnado poida aplicar os seus coñecementos a situacións urbanas reais, coñecendo directamente as características e condicionantes dunha cidade histórica e explorando distintas alternativas desde a arquitectura e o urbanismo.
A concelleira de Patrimonio e Conxunto Histórico, Ana María Núñez Álvarez, destaca que “é moi importante achegar o ámbito académico á realidade das nosas cidades históricas, porque permite incorporar novas miradas e perspectivas sobre espazos que forman parte do noso patrimonio e que presentan tamén importantes oportunidades de transformación”.
Engade que “Tui conta cunha realidade urbana e patrimonial de enorme interese para a formación dos futuros arquitectos e arquitectas. Que estudantes poidan coñecer a cidade, analizala e formular propostas sobre espazos reais é tamén unha forma de poñer o patrimonio ao servizo do coñecemento e do futuro”.
A iniciativa conta coa participación de Antía Priegue Valcárcel, tudense e exalumna de CESUGA, que recentemente rematou os seus estudos cunha cualificación de Sobresaliente, a mellor nota obtida no centro nos últimos seis anos. O seu vínculo con Tui e o seu interese por achegar a realidade da súa cidade ao ámbito académico contribuíron a impulsar a elección de Tui como escenario dos Proxectos Fin de Grao do curso 2026-2027.
Con esta iniciativa, Tui convértese nun espazo de aprendizaxe, investigación e reflexión arquitectónica, permitindo que o patrimonio, o espazo público e os retos da transformación urbana da cidade sexan analizados desde novas perspectivas.





