Chévere – “Ictus (Anatomía de “A Derradeira Lección” De Castelao)

O grupo Chévere pechará a programación dos meses de outubro e novembro no Teatro Municipal coa representación de “Ictus (Anatomía de “A Derradeira Leición” de Castelao” o venres, 13 de novembro, ás 21 h. A obra chega a Tui dende Madrid onde se representou dende o mes de outubro.
“Ictus” é unha coprodución de Chévere co Centro Dramático Nacional. A compañía asume o reto de levar a escena esta peza de teatro documental e faino usando unha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas, integrando en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.
Ao longo de 110 minutos a obra aborda a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando está case cego.
Sobre o escenario estarán Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Borja Fernández, Gema Santos, Marcos Pereira baixo a dirección de Xron, responsable tamén da dramaturxia da obra.
- Xénero: teatro documento, memoria
- www.grupochevere.eu
- Público Adulto +12 anos
- Lingua signos(LSE)
- Duración 110min
- Idioma galego
- Prezos 10€ - 7,5€




