Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ailá, Dúo Abril, Alana, Donicelas, a Banda de Balbina e Kike Varela forman parte do cartel do VI Rocha Folk

20/08/2026

Celebrarase mañá venres e o sábado na parroquia tudense de Caldelas

A parroquia tudense de Caldelas convértese esta fin de semana en punto de encontro para a música folk de Galicia grazas a celebración do VI Rocha Folk. Este evento, organizado pola Asociación Cultural A Insua, forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.

A apertura do festival terá lugar mañá venres, ás 20 h, no exterior do Balneario de Caldelas coa recepción de autoridades e inauguración do evento, para dar paso a continuación ao grupo Donicelas.  Este ano esta agrupación.  formada por  Andrea Rodríguez, Bea Pérez, Noelia Martínez, Rosa González, Víctor González e Xesús Díaz , foi finalista dos premios Martín Codax. Van interpretar os temas do seu último traballo ‘Portuguesiña’ do que gravaron o videoclip precisamente neste entorno.

O Rocha Folk continuará ás 21.15 co desfile dende o Balneario até a ribeira das bandas de gaitas Lume de Biqueira Celtic Band e a Banda de Gaitas A Insua de Caldelas, que estarán en concerto xa no escenario principal do festival.  Tras elas ás 23 h será a quenda das pandereteiras Trébede da Asociación Peis d’hos.   Alana, o trío formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, finalistas tamén dos premios Martín Codax, interpretarán a partir das 23.30 h os temas do seu segundo traballo discográfico “Un saber”. Para pechar a primeira noite do festival contarán coa presenza de Kike Varela con Electrofoliada.

O desfile de Lume de Biqueira Celtic Band abrirá  sábado ás 12.30 h a segunda xornada do Rocha Folk. Non faltará a gastronomía coa Mexilloada na ribeira, na que con cada consumición mínima de 2,5€ recibirase unha ración de mexillóns.  A tradición terá o protagonismo pola tarde con xogos populares na ribeira, e co obradoiro xoguetes e de instrumentos a cargo de Zuca Truca no recinto do festival.

Este ano coma novidade o Rocha Folk incorpora o Encontro Internacional de Bombos, ás 19 h, que contará coa participación dos galegos O Trebón dos Xidos e cos portugueses Bombos de Sao Cristóvao de Gondomil.  A capela do Carme será outro dos lugares onde se desenvolva o festival. Aquí actuará ás 20.15 h o Dúo Abril formado por Claudia Abril e Marina Carpente cunha proposta de folk contemporáneo. Este ano recibiron o premio de Música Folk nos XIII Premios Martín Codax.  

Tras actuar hai uns días no Festival Intercéltico de Lorient este sábado ás 22 h estará en Caldelas o grupo Ailá formado por Ángela Carou, Manuele Pardo, Xan Pampín, e Manu Fraguela.  No escenario principal da ribeira interpretarán, entre outros, os temas do seu terceiro traballo ‘Tradimensional’.  A música continuará ás 23.30 h coas pandereteiras da Fenteira – Lembranzas da Terra de Guillarei.  E á medianoite chegará o ritmo e a música de A Banda da Balbina, para interpretar temas coma “Estomballada”, “Balbina a bailadora” ou “Que che den”. 

O Rocha Folk 2026 pecharase con queimada e foliada, coma fin de dous días de festa coa música folk coma protagonista.