Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un campión olímpico e cinco do Mundo danse cita no Descenso Internacional do Miño

19/08/2026

Celébrase este sábado 22 de agosto con saída dende Salvaterra e chegada a Tui. Participan 41 clubs con 402 deportistas

O campión olímpico, Carlos Pérez ‘Perucho’, e os campións do Mundo José Ramalho, Adrian Boros, ZSofia Czéllai-Voros, Tania Fernández e Manu Garrido forman parte dos 402 deportistas que este sábado, 22 de agosto, van participar no 55 Descenso Internacional do Miño. Esta histórica proba mantén unha participación similar a edicións anteriores reunindo a 41 clubs de Hungría, Portugal, Madrid e Galicia con 300 embarcacións. Nesta ocasión non hai un barco favorito para a vitoria absoluta xa que son varias as embarcacións k2  que loitarán por cruzar en primeiro lugar a liña de meta. O Descenso Internacional entregará o club gañador a escultura dun padexeiro sobre unha onda obra de Juan Oliveira. 

O Descenso Internacional do Miño celebra a súa 55 edición grazas ao traballo do Club Kaiak Tudense, tal e coma recoñecía este mediodía na presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, quen quixo converter ese acto nunha homenaxe ao club, que afirmou “ocupa un lugar privilexiado na historia do piragüismo galego”.  Reiterou o rexedor tudense o compromiso do concello de Tui co deporte.  O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, aludiu tamén a ese traballo co deporte avanzando un ambicioso proxecto no que están a traballar para mellorar as condicións dos clubs de piragüismo e remo.  O concelleiro convidou a acudir ao Descenso gozando na beira do Miño dun fermoso espectáculo deportivo.

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, destacou o valor histórico da proba, así coma o traballo que dende o seu departamento realizan na promoción do deporte. Afirmaba que “o deporte fai que a marca Galicia sexa máis visible”.

A directora técnica de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, referiuse a tres elementos destacados que se dan neste evento: as persoas, en referencia á organización polo club e aos deportistas que son sempre o eixo central; ao territorio, por escenarios coma este, con estadios naturais para a práctica deportiva e hai que polo en valor, e o deporte en sí.

 O Descenso Internacional do Miño sairá un ano máis dende terra en Salvaterra nun momento espectacular, como sinalou o concelleiro de Deportes de Salvaterra, Edgar Martínez, quen salientou que se trata dunha proba con moita participación, moi ben organizada e que atrae a moitas persoas.

Dende a Comandancia Naval do Miño, o seu segundo, Carlos López, amosou a disposición da Armanda a colaborar sempre co Descenso do Miño, o que contribúe a dar a coñecer a misión que realizan no río, mentres o comandante do Cabo Fradera, Javier Sánchez-Tembleque Sánchez, dirixíndose aos deportistas sinalou que “nos une o espírito de sacrificio, o afán de superación, e o espírito de equipo”.

A 55ª edición do Descenso Internacional do Miño celebrarase este sábado, 22 de agosto, con saída ás 18 h dende Salvaterra. As e os deportistas en K1, k2, c1 e c2, nas categorías cadete, xuvenil, senior e veteranos deberán completar os 14 quilómetros até a liña de meta situada fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui.  Tui vivirá así de novo a súa festa do río, tras celebrar o pasado sábado o Descenso Popular que reuniu a preto de medio millar de participantes.