Comezan as xornadas gastronómicas “Saborea o Mercado de San Antonio”
O sábado 22 de agosto o mexillón será o primeiro protagonista. Celebraranse mensualmente poñendo en valor os produtos de temporada.
O Mercado de San Antonio inicia un programa de xornadas gastronómicas con produtos de tempada. Baixo o lema de “Saborea o Mercado de San Antonio”, a iniciativa busca dinamizar o mercado, achegalo á cidadanía e poñer en valor os produtos de tempada que as praceiras e praceiros ofrecen durante todo o ano. Celebrarase mensualmente.
A primeira cita, o sábado 22 de agosto, a partir das 11 h estará dedicada ao mexillón, un dos grandes produtos do mar de Galicia, que poderá degustarse en diferentes especialidades, nunha proposta gastronómica que permitirá descubrir novas formas de preparar e saborear este produto.
Así comezará o programa de xornadas gastronómicas que se desenvolverá ao longo dos meses do ano, tomando como protagonistas os produtos propios de cada tempada, tanto do mar como da terra.
O obxectivo é que o mercado sexa tamén un lugar para descubrir, coñecer e degustar os produtos no momento óptimo do ano, sempre da man das praceiras e praceiros, que son os verdadeiros coñecedores e prescritores dos produtos que se ofrecen diariamente no Mercado de San Antonio.
As diferentes propostas gastronómicas serán elaboradas e presentadas da man do restaurante Al Dente, permitindo transformar os produtos que se poden atopar no mercado en diferentes elaboracións e experiencias gastronómicas.
A concelleira de Mercados, Ana Núñez, destaca que “queremos que o Mercado de San Antonio sexa moito máis que un lugar ao que acudir a facer a compra. Queremos que sexa un espazo vivo, de encontro, de descubrimento e tamén de experiencias”.
“Esta iniciativa nace coa intención de achegar o mercado á cidadanía, aproveitar tamén a actividade que xera o período estival e atraer novos públicos, pero sobre todo queremos reivindicar algo tan sinxelo e tan importante como o produto de tempada e o produto de mercado” explica Ana Núñez. A concelleira engade que “ao longo do ano iremos descubrindo os produtos que nos ofrece cada estación, comprándoos directamente ás nosas praceiras e praceiros e gozando deles tamén desde a perspectiva gastronómica”.
Nese sentido, Ana Núñez subliña que “o mercado ten algo que non podemos perder: a proximidade, o coñecemento do produto e a relación directa entre quen vende e quen compra. Queremos poñer en valor todo iso e convertelo tamén nunha experiencia para compartir e gozar”.
A primeira xornada, dedicada ao mexillón, contará ademais con música e ambiente, creando unha proposta de lecer para todos os públicos e contribuíndo a facer do Mercado de San Antonio un punto de encontro durante o verán.
A iniciativa está organizada polo Mercado de San Antonio, coa colaboración do Concello de Tui e do restaurante Al Dente.





