Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O folclore de Indonesia, Francia, Perú e Letonia protagoniza a Noite Internacional do Miño

23/07/2026

Celébrase o próximo martes 28 ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns

O folclore volve a ser protagonista en Tui o próximo martes 28 coa celebración da Noite Internacional do Miño que organiza a Asociación Noite Internacional. Unha cita que comezará ás 21.30 h no Parque do Laxal, en Rebordáns, e que contará coa presenza de grupos folclóricos de Indonesia, Francia, Perú e Letonia, así coma o grupo local e anfitrión San Fins de Rebordáns.

Nesta edición participará o grupo Garuda Kelana, de Indonesia, que se dedica á preservación, o desenvolvemento e a promoción internacional do rico patrimonio cultural do país. Unha agrupación que presenta unha ampla variedade de danzas e músicas tradicionais de diferentes rexións.

Tamén contarase coa presenza de Flour d´Inmourtalo, Tradicioun e Terraire, de Francia. Este grupo promove a identidade da rexión do sur francés a través da danza, da música e do emprego do traxe tradicional do país de Arles. O seu repertorio de danza é rico e variado, cunha ampla diversidade de vestiario e con gran rigor artístico.

O grupo Identidad Perú ten o recoñecemento oficial e autorización do Ministerio de Cultura do Perú. Actuará nesta Noite Internacional amosando a súa cultura, raíces, tradicións e vida colectiva do pobo peruano nunha experiencia profunda e auténtica. A súa misión é unir culturas a través da danza.

Dende Letonia chega Pürs, un grupo situado no corazón de Vidzeme e que significa “legado”. Este nome reflicte a longa historia común e o vasto patrimonio de danza construídos ao longo dos anos. Esta será a primeira participación internacional de Pürs fóra de Letonia.

Estes grupos amosarán a riqueza, o colorido, o ritmo, e as características do seu folclore no parque do Laxal en Rebordáns o próximo martes 28 de xullo, ás 21.30 h, na XXIV Noite Internacional do Miño. Nesta velada o público asistente poderá coñecer a cultura tradicional de Perú, Letonia, Indonesia e Francia e as súas semellanzas e diferenzas coa galega, gozando dun espectáculo de gran calidade. Esta cita forma parte do Verán Cultural de Tui.