Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal incrementou nun 21% os préstamos no primeiro semestre de 2026

16/07/2026

Neste período rexistrou 191 novas persoas usuarias

A Biblioteca Pública Municipal de Tui vén de experimentar un incremento do número de préstamos de libros que realiza cifrado no 21% no primeiro semestre deste ano 2026. Así nos seis primeiros meses acadou a cifra de 11.259 volumes emprestados fronte ao 9.285 préstamos realizados no mesmo período do ano pasado. Nos últimos anos o crecemento ten sido constante sendo de algo máis do 60% en relación ao 2023 en que foran prestados, no mesmo período de xaneiro a xuño, 7.005 volumes.

Dos préstamos realizados de xaneiro a xuño 6.418 corresponderon a usuarios infantís, con idades entre os 0 e os 14 anos, e os 4.841 préstamos restantes foron realizados pola os usuarios adultos a partir de 14 anos
Por temática á Infantil corresponde 4.850 préstamos, á Lectura Xeral 2.799 ficción e 559 non ficción, a Comicteca  1199 de cómic infantil e 314 de cómic adultos, á Literatura xuvenil 223, a Libros do local 39 e a Audiovisual (Fondo Daniel Dominguez) 37.

Nestes primeiros seis meses este número de empréstitos foron realizados por un total de 960 prestameiros (660 adultos e 400 infantís) que son usuarios da rede de bibliotecas de Galicia. Neste período foron inscritos 191 novos usuarios.

A Biblioteca Municipal tudense conta na actualidade cun fondo 32.967 exemplares a disposición da cidadanía, tendo incorporado neste primeiro semestre de 2026 un total de 493 títulos, tanto procedentes de compra cos fondos do Concello de Tui como por doazóns de particulares, ao tempo que foron retirados por expurgo un total de 562 títulos, co obxectivo de manter a colección actualizada e en condición de uso axeitadas.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, congratúlase do incremento de préstamos da Biblioteca Municipal pois responde ao esforzo que o Concello de Tui ven realizando para mellorar a calidade deste servicio municipal que garante o acceso á cultura e á información da nosa cidadanía. Así recentemente foron investidos ata dez mil euros na adquisición de novos equipos informáticos, ordenadores portátiles para disposición dos usuarios, novo mobiliario e a adquisición dun buzón exterior devolución de libros que está tendo un gran éxito de uso con días de máis de trinta libros devoltos a través do mesmo, facilitando así o uso deste centro bibliotecario.