Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 15 mil peregrinos percorreron o Camiño Portugués en xuño, un 19% que o ano pasado

10/07/2026

O 68% eran estranxeiros. Estes datos certifican o dinamismo do Camiño ao seu paso pola cidade

 O Camiño Portugués a Santiago é unha das rutas xacobeas con maior historia e tradición. Dende os primeiros tempos da peregrinación ten a súa entrada en Galicia a través das cidades de Valença e Tui.  O pasado mes de xuño foi percorrida por 15.226 persoas, segundo os datos estatísticos recollidos pola Oficina do Peregrino da Catedral compostelá, referidos ao número que recibiron a “Compostela”. Isto supón un incremento do 19% en comparación aos datos do mesmo mes do pasado ano 2025.  Amais os peregrinos e peregrinas do Camiño Portugués representan o 19,28% do total de 79.411 persoas que en xuño chegaron a Santiago percorrendo algunha das vías xacobeas.

Do total 15.226 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués o 68%, é dicir 10.322 o persoas, eran estranxeiras, e o 32%, un total de 4.904 peregrinos de orixe española. Estas cifras evidencian a potencialidade dos Camiños Portugueses e a vitalidade dos seus peregrinos.

Dos 10.322 peregrinos e peregrinas estranxeiras que chegaron a Santiago percorrendo o Camiño Portugués o 14,72%, 2.241 persoas, procedían de Portugal, o 11,72%, 1.784, de Estado Unidos, o 7,20%, 1.091, de Italia, e o 4,86%, 740, de Alemaña. Tamén se rexistraron peregrinos de Reino Unido, Irlanda, Brasil. Países Baixos ou México.

Por outra parte con respecto aos 4.904 peregrinos españois o 22,62%, 1.104, eran de Andalucía, o 20,39%, 995, de Madrid, o 11,58%,565, de Valencia, o 9,22%, 450, de Canarias, e o 7,54%, 368, de Cataluña. Con menores cifras están as comunidades de Castilla-La Mancha, Galicia ou Murcia.

Con 5.759 persoas que en xuño iniciaron o seu Camiño en Tui, a cidade segue a situar nos primeiros puntos de partida de peregrinos de todas as vías xacobeas,  superada unicamente por Sarria e Saint Jean Pied de Port no Camiño Francés con 22.120 peregrinos e 5.853, respectivamente. A nosa cidade segue consolidada no computo anual como o segundo lugar escollido ata agora por 16.626 peregrinos superado unicamente por Sarria no Camiño Francés con 69.036.

A concelleira de Turismo do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, sinala que estes datos certifican o dinamismo do Camiño Portugués cun incremento sostido no que levamos de ano en torno ao 13% cun total de 49.111 peregrinos neste primeiros seis meses de 2026, onde a presenza de peregrinos estranxeiros acada practicamente o 75%.

Ana Núñez lembra, nunha nova oportunidade, a incorrección destas cifras, as únicas coas que contamos procedentes da Oficina do Peregrino da Catedral compostelá pois omiten a un importante continxente de peregrinos que realiza o trazado oficial do Caminho Portugués da Costa a través de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença e Tui e que non están computados nestes datos estatísticos.  O Concello calcula que de ser contabilizados se incrementarían os datos que atinxen a Tui ao menos nun terzo máis.

A concelleira tudense lembra o activo compromiso pola dinamización e valorización do Camiño Portugués ao seu paso por Tui con accións como a recente colocación na traza do Camiño, no inicio histórico desta ruta en Tui xunto ao río Miño, dunha estatua dun peregrinos do escultor tudense Raimundo Martínez, “Rai” que enriquece os valores do trazado do Camiño Portugués na nosa cidade.