O Instituto de Estudos Tudenses promove unha nova edición do programa “Coñece o noso patrimonio”
Está formado por sete actividades que comenza o vindeiro martes 7 de xullo coa colaboración do Concello de Tui
Nos meses de xullo e agosto celebrarase unha nova edición do programa “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses que conta coa colaboración das concellerías de Turismo e Patrimonio e de Cultura do Concello de Tui.
Tras o éxito acadado nos últimos anos este verán “Coñece o noso patrimonio” abrangue un total de sete actividades e visitas guiadas a elementos patrimoniais tudenses a cargo de especialistas do propio Instituto.
A primeira cita será o próximo martes, 7 de xullo, ás 20.30 h na praza do Pracer cunha visita á intervención arqueolóxica realizada nesta praza, no centro do conxunto histórico tudense. Na mesma atopáronse importantes achados de época romana que motiva unha ampliación desta escavación arqueolóxica a executar proximamente. Esta visita estará dirixida por Soledad Prieto Robles e Juan José Perles Fontao, arqueólogos responsables desta intervención.
O ciclo de visitas continuará o martes 14 de xullo cun percorrido polos principais exemplos de escultura pública en Tui que conta con obras de Silverio Rivas, Juan Oliveira, Xoán Piñeiro, Alfonso Quinteiro o Maxín Picallo, entre outros e que constitúen unha parte do noso patrimonio conformada nos últimos setenta anos. Esta visita correrá a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela.
Coincidindo co 90 aniversario do golpe militar de xullo de 1936 e a resistencia de Tui que chegará ao 26 de xullo a presidenta da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña, Helena Pousa Ortega, realizará unha visita aos lugares vinculados á memoria democrática o martes 21 de xullo.
O seguinte martes, 28 de xullo, a Catedral e o oitocentos aniversario da súa consagración centrará a visita que ao propio templo catedralicio realizará a catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago e presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón Fernández.
Todas as actividades do mes de xullo comezarán ás 20.30 h.
Xa en agosto este ciclo proseguirá cunha visita guiada ao outro lado do río Miño, a un lugar especialmente ligado artisticamente á Catedral de Tui e a nosa historia. Será o martes 4 de agosto ás 20.30 h ES baixo o título de “Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio” a cargo de Isilda Salvador, museóloga.
O seguinte martes, 11 de agosto, contarase coa participación da prestixiosa investigadora Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia, que pronunciará unha conferencia titulada “La catedral medieval de Santa maría de Tui”. Será ás 20.00 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.
Este programa finalizará o martes 18, ás 21.00 h, coa visita titulada “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral” dirixida José Ramón Fernández Fernández, historiador, que achegará ás persoas participantes a un dos templos máis populares de Tui, a igrexa de San Francisco.
Dende o Instituto de Estudios Tudenses abordan este nova edición do ciclo de actividades e visitas guiadas co obxectivo de afondar no coñecemento e divulgación do amplo legado patrimonial que atesoura a nosa cidade dende o convencemento que é a máis eficaz ferramenta para lograr a súa conservación.
A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, agradece ao Instituto de Estudios Tudenses a organización deste programa “Coñece o noso patrimonio” confiando en que se repita a gran acollida dos últimos anos.
Estas visitas son de balde e de acceso libre sen límite no número de persoas participantes.
PROGRAMA
Xullo
Martes 7: “Visita á escavación arqueolóxica da Praza do Pracer” por Soledad Prieto Robles e Juan José Perles Fontao, arqueólogos.
Praza do Pracer - 20.30 h.
Martes 14: “A escultura pública en Tui” por Rafael Sánchez Bargiela, historiador.
Inicio na escultura de Silverio Rivas na Alameda – 20.30 h.
Martes 21: “Lugares de memoria democrática aos 90 anos do golpe de 1936” por Helena Pousa Ortega, presidenta da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Condado – Louriña
Inicio na Praza do Concello – 20.30 h.
Martes 28: "Las huellas de 800 años de arte en la catedral de Tui” por Marta Cendón Fernández, catedrática da USC e presidenta do IET.
Inicio portada da Catedral de Tui – 20.30 h.
Agosto
Martes 11: "Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio”, por Isilda Salvador, museóloga.
Inicio: Mosteiro de Ganfei – Valença – 20.30 h (ES)
Martes 18: “La catedral medieval de Santa María de Tui” conferencia de Carmen Manso Porto, da Real Academia da Historia.
Espazo socio-cultural da rúa Camilo J. Cela – 20.00 h.
Martes 25: “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral”, por José Ramón Fernández Fernández, historiador.
Igrexa parroquial de San Francisco – 21.00 h.
Colabora: Concellerías de Cultura e de Patrimonio e Turismo do Concello de Tui.





