Tui celebra o aniversario dos Xogos Florais coa presentación do libro “Tui, 1900-1936” e co espectáculo de poesía e música “Medula” de Cristal Méndez
Será este mércores, 24 de xuño, no Espazo Sociocultural
O Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acolle este mércores, 24 de xuño, a partir das 19 h a conmemoración do aniversario dos Xogos Florais de Galicia, coa presentación dun libro e cun espectáculo de poesía e música.
O Concello de Tui promove, un ano máis, a conmemoración do que foi o primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega na etapa contemporánea que se celebrou no Teatro Principal tudense entre o 24 e o 26 de xuño de 1891.
Así este mércores ás 19 h terá lugar a presentación do libro “Tui, 1900-1936” de Bieito Alonso, Carlos Meixome e Xosé Ramón Paz Antón publicado pola Editorial Galaxia coa colaboración do Concello de Tui. Nesta presentación participará o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os autores e o director de Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
A continuación ás 20.30 h Cristal Méndez presentará “Medula”, un espectáculo de música e poesía.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que con estas actividades o Concello de Tui quere lembrar esta data importante para a cultura de Galicia como foi a celebración dos Xogos Florais que marcan o inicio da recuperación do uso social da nosa lingua e que converten a Tui nunha referencia no proceso de normalización da nosa cultura.
Presentación do libro “Tui, 1900-1936”
Sinala a capa desta publicación: A historia de Tui enxérgase no tránsito que desde os inicios do século XX se produciu entre as rúas da pétrea cidade, e que sempre estivo protagonizado polos que tiñan, mais poucas veces ese paseo foi visitado por obreiros luxados de serraduras, labregos agraristas con estandartes dourados e mulleres de mandil ou “peineta” que berraban consignas liberadoras, aínda que formaron parte do mesmo tecido social, económico e político en que se enxertou a vida desta cidade miñota. Unha das pretensións explícitas de Tui, 1900-1936, da man de Carlos Méixome, Bieito Alonso e Xosé Ramón Paz, é recuperar a historia de moitos deses seres de abaixo, que apenas circulan polos vieiros do relato máis común.
Bieito Alonso Fernández (Ourense, 1958) é historiador e autor dun amplo número de obras, entre as que destacan Anarquistas galegos en América (Galaxia, 2019), Estendendo a rebelión. sindicalistas marítimos galegos na América atlántica 1875-1930 (Galaxia, 2021) e Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global (Galaxia, 2019).
Carlos Méixome Quinteiro (O Carrio, Val, Lalín, 1954) é historiador. Fundador do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), que dirixiu entre 1999 e 2015, publicou sobre asuntos internacionais, cuestións de historia contemporánea e do nacionalismo e, nos últimos anos, acerca das persecucións franquistas no sur da provincia de Pontevedra. En 2026 deu ao prelo Polo Avieiro de dona Emilia (Galaxia).
Xosé Ramón Paz Antón (O Porriño, 1957) é músico, pintor e escritor. Membro fundador do grupo musical Na Lúa, publicou traballos sobre historia contemporánea e musicoloxía, como O Porriño 1936 (2007), Antonio Palacios, unha viaxe por Galicia (2017) e Sobredo 1922 (2022).
Medula de Cristal Méndez
“Medula” é espectáculo de música, poesía e acción escénica en clave postmoderna, que fala de igualdade, identidade, raizame ancestral, mestizaxe e futuro que presenta unha galería de mulleres diversas, mortas e vivas, nais, avoas e netas, mulleres do mar e da terra, de Galiza e do mundo, sobreviventes e loitadoras.
Estas mulleres viaxan polo tempo e o espazo, real ou mítico, na busca de resolucións positivas, transmutando a historia en esperanza e falando de igualdade, identidade, orixes, mestizaxe e futuro. Un espectáculo dinámico que toca temáticas e emocións variadas e contrastadas para un público de quince ata noventa e nove anos a cargo de Cristal Méndez (Maga de Voz) que se define como unha "creativa" e andei un tempo subida polos escenarios como cantante/actriz (sigo subindo de maneira "esporádica") e escribindo poesía durante as pausas laborais, pero pronto descubrín que a miña vocación é o ensino de Canto.
Xogos Florais de Galicia, Tui 1891
Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade do 24 ao 26 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".
Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente, xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" -que lembraremos neste ano 2024- ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.





