Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As piscinas municipais de Tui abrirán mañá sábado tras a renovación integral das instalacións

19/06/2026

As entradas mercaranse a través da web municipal ou da APP do Concello de Tui

As piscinas municipais de Tui abrirán as súas portas mañá sábado coas súas instalacións totalmente renovadas. 

O horario de apertura será de luns a venres de 13.30 h a 20.30 h; e sábados, domingos e festivos de 12.30 h a 20.30 h até o 6 de setembro. 

Este ano coma novidade a entrada deberá adquirirse en liña, ben a través da web municipal tui.gal ou da APP do Concello de Tui. As entradas terán o mesmo importe que en anos anteriores. O prezos serán 2€ para persoas adultas e 1,5€ para nenos, nenas e persoas xubiladas. 

Haberá amais a posibilidade de adquirir bonos de 30 baños. Neste caso os prezos serán de 40€ para persoas adultas; e 35€ para nenos, nenas e persoas xubiladas.

O Concello de Tui acometeu a reforma integral destas instalacións cun investimento de 346.459,99 € IVE incluído, dos que  197.489,35 euros foron subvencionados polo Consello Superior de Deportes, a través das axudas para a mellora e optimización de instalación e espazos deportivos que fomenten o turismo deportivo sostible, con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e o importe restante con fondos propios municipais.

Tras estas actuacións a Piscina Municipal de Tui convértese nun espazo máis accesible, eficiente e cun entorno máis harmonioso. 

A actuación incluíu dende a mellora e sinalización exterior das instalacións ao espazo interior. As piscinas gañaron en accesibilidade e foron renovados tamén os vestiarios, incorporando un para persoas con discapacidade.

Substituíronse os lavabos e espellos, reparáronse as instalacións, levouse a cabo un pintado exterior e foi colocado un novo pavimento na terraza exterior.

Na piscina de adultos, cunhas dimensións de 25m x 12,5 m, foi substituído o gresite por revestido cerámico con melloras de impermeabilización, instalouse unha cadeira para o acceso para persoas con mobilidade reducida, e realizouse un novo acabado na explanada con inclusión de rexilla cerámica mantendo o sistema desbordante.

Mentres na piscina infantil, onde se realizou un novo perímetro do vaso, se conta agora cunha zona de xogos con chorros verticais e centrais de choiva.  

Substituíuse a bomba xeral das dúas piscinas e a de filtración, así como o sistema de clorado por un sistema salino, con máis capacidade desinfectante, menor toxicidade, non ten olor, e non irrita os ollos nin a pel. 

Tui disfrutará a partir de mañá das súas piscinas de verán.