Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui sitúa a reciclaxe coma obxectivo na celebración do Día Mundial do Medio Ambiente

5/06/2026

Cada pequeno xesto conta. E se nos referimos ao medio ambiente pequenos hábitos teñen aínda maior importancia coma é o caso da reciclaxe e da separación de residuos.  Así o está dando a coñecer a mestra composteira do Concello de Tui nas visitas que nas última semanas está a realizar aos centros educativos tudenses, dentro do programa de educación Ambiental. Tanto nas aulas do Colexio Rural Agrupado coma nos distintos CEIPs ten desenvolvido distintas actividades activando os composteiros escolares e traballando co alumnado os hábitos de separación e reciclaxe. 

Así, iníciase a concienciación dende a base, apostando polo papel fundamental dos nenos e nenas non só como receptores desta mensaxe, senón tamén como transmisores dela nas súas familias.

Dende o Concello de Tui, coincidindo coa celebración hoxe, 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente, faise especial fincapé na importancia da reciclaxe e da separación de residuos. Precisamente con este obxectivo estanse a crear illas de reciclaxe no centro urbano para facilitar así a veciñanza a separación dos residuos, de tal xeito que nos lugares onde antes había só o contedor verde agora se están a colocar colectores amarelos para envases, azuis para papel e cartón, verde para vidro, e mantense o colector de resto para aqueles residuos que non se poden reciclar.  Tamén se establecen illas de reciclaxe máis amplas con colectores para aceite de cociña usado e roupa.

Por outra parte cómpre lembrar que Tui conta con 5 centros de compostaxe comunitaria na Avenida da Concordia, na rúa Ourense, a carón do edificio Francisco Sánchez, na rúa Maristas a carón da praza de Abastos, e na Avenida de Portugal.  

Para facilitar a reciclaxe doutros residuos o Punto Limpo, situado en Guillarei, abre de luns a venres de 8 a 13.30 h e os sábados de 9 a 13h. Amais o Punto Limpo Móbil sitúase cada semana nunha parroquia permitindo a reciclaxe de até 14 tipos de pequenos residuos. Dende a súa posta en marcha téñense recollido xa máis de 500 quilos de residuos de distinto tipo.

Dende o Concello de Tui nas próximas semanas vaise pór en marcha unha campaña divulgativa e de concienciación sobre a importancia da reciclaxe tanto para coidar o medio ambiente como para poder reducir a factura do lixo.