O Concello de Tui realizará este ano a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en Lugo
Haberá un autobús gratuíto a dispor da veciñanza para acudir o próximo domingo 14 de xuño a esta secular celebración
O próximo domingo, 14 de xuño, celébrase na Catedral de Lugo a ofrenda a Xesús Sacramentado. Este ano o alcalde do Concello de Tui exercerá de delegado rexio, en representación do Antigo Reino de Galicia, ao ser unha das sete antigas capitais.
Para facilitar a asistencia da veciñanza tudense o Concello de Tui pon a dispor da cidadanía autobuses gratuítos para desprazarse nesa data até Lugo. As persoas interesadas en acudir á Ofrenda deberán inscribirse até o próximo venres 5 de xuño persoalmente no Concello de Tui ou na Biblioteca Municipal, ou mediante o correo electrónico biblioteca@tui.gal . Os autobuses sairán o domingo 14 de xuño ás 08.00 h e regresaran de Lugo ás 18.00 h..
A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é a tradición institucional máis antiga que se conserva en Galicia como símbolo da identidade e condición colectiva do noso país. Este acto posúe un alto valor simbólico polo seu carácter municipalista e polo valor patrimonial desta tradición que conta con máis de 357 anos de existencia continuada. Cada ano, de forma rotatoria a ofrenda é realizada por unha das sete antigas capitais do antigo Reino de Galicia. Esta cerimonia anual sitúa á nosa cidade como unha das referencias históricas de Galicia.
O ano pasado o Consello da Xunta de Galicia acordou a declaración desta Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural na categoría de Patrimonio Inmaterial ao entender que se trata dun caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial da Comunidade ao expoñer de forma única unha tradición secular dos galegos e galegas, así como a evolución da súa unidade como pobo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, convida á veciñanza a participar nesta tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en representación da nosa cidade, especialmente neste ano en que conmemoramos os 800 anos da consagración da catedral de Tui.





