Historia, cinema, música e viños lembrarán a figura de Antón Alonso Ríos en Tui
O Concello de Tui organiza as Xornadas Sr. Afranio do 28 ao 31 de maio
O Concello de Tui e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo, Miño, Condado e Louriña organizan as Xornadas Señor Afranio que se van desenvolver do 28 ao 31 deste mes de maio, cunha programación que combina historia, cinema, viño e música.
A doutora en Historia Natalia Jorge será a encargada de abrir estas xornadas coa conferencia “De Antón Alonso Ríos ao señor Afranio” o próximo xoves, 28 de maio, ás 20 h, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Na súa conferencia, cun marcado carácter divulgativo e dirixida a todos os públicos, Natalia Jorge debuxará a importancia que a comarca do Baixo Miño tivo até 1936. A través da figura de Antón Alonso Ríos mergullarase na sociedade da época, na emigración, no contrabando, no comercio, e tamén na poboación portuguesa que se asentou na zona. Debuxará así como era o Baixo Miño naquel momento en que Antón Alonso Ríos, líder agrario e pedagogo, decidiu asentar aquí, e na rede de apoio coa que contou coma Señor Afranio. Acompañara a súa intervención de obxectos persoais como libros da súa biblioteca ou manuscritos orixinais de Antón Alonso Ríos.
Nesta historia profundarase a través do cinema o venres 29 ás 20.00 h, tamén no Espazo Sociocultural, coa proxección da película “Afranio”, dirixida por Víctor Coyote e protagonizada por Luís Tosar. O filme recrea a historia de Antón Alonso Ríos durante a súa etapa fuxido tras o golpe de Estado de 1936.
A programación continuará o domingo 31 cunha dobre proposta.
O Mercado de San Antonio acollerá o “Túnel do viño. Percorrido do siñor Afranio”, unha actividade que marida cultura e enoloxía arredor da figura de Afranio, cun percorrido polos lugares polos que fuxiu Antón Alonso Ríos. Así a sumiller Marina Cruces conducirá a cata polos viños do Rosal e do Condado; o viticulor Antonio Míguez Amil serán quen guie ás persoas participantes polos viños do ribeiro, e por último o enólogo tudense Manuel Areal achegará ás persoas asistentes ás características dos viños de Portugal. Haberá catro quendas, cun máximo de 20 prazas por quenda, ás 11.30 h, 12.00h, 12.30 h, e 13.30 h. A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa na Biblioteca Municipal ou no correo biblioteca@tui.gal, indicando a quenda elixida.
Xa pola tarde, ás 20.00 h, o Espazo Sociocultural acollerá o concerto “Cantares dun fuxido”, con Víctor Aparicio, Pablo Nóvoa e Pancho Álvarez, nun espectáculo musical inspirado na memoria e nas historias dos fuxidos.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, sinala que coa organización destas xornadas o Concello de Tui mantén o seu compromiso coa memoria histórica, facéndoo neste caso a través de actividades multidisciplinares que permitrán achegarse á figura de Antón Alonso Ríos.





