Gran acollida á visita guiada realizada co gallo do Día da Cultura Sefardí
Máis de 140 persoas participaron onte á tarde na visita ao patrimonio xudeu organizada polo Concello de Tui co gallo do Día da Cultura Sefardí promovido pola Red de Juderías de España.
O interese polo patrimonio tudense quedou de novo reflectido neste percorrido no que participou tanto veciñanza tudense coma moitas persoas que estes días visitan a cidade. A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez, deu a benvida á visita destacando a importancia da promoción do patrimonio tudense e agradecendo a participación tan numerosa nesta actividade.
A historiadora da arte e guía RASGO, Sara Quintana, guiou o percorrido que comezou na Corredoira e percorreu parte do conxunto histórico. As persoas que participaron na visita puideron coñecer non só os elementos patrimoniais ligados á presenza xudía na cidade, senón tamén os costumes, as celebracións coma o Pesaj que comeza esta noite, e o xeito de vida da comunidade xudía en Tui. Na cidade non había un barrio xudeu coma tal senón que as familias estaban integradas ao longo de distintas rúas e prazas do conxunto histórico. Tui contou con elementos importantes coma unha sinagoga ou unha carnicería, e o legado xudeu quedou tamén plasmado en lugares coma o claustro da Catedral onde hai gravada unha menorá, ata en diversas pezas que atesoura o Museo Catedralicio obra de orfebres xudeus.
No final da visita houbo unha pequena degustación gastronómica de viño Kosher e pan ázimo.





