Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui avanzará na investigación dos restos arqueolóxicos atopados na praza do Pracer

24/03/2026

Este importante achádego aporta información de gran relevancia sobre o Tude Romano

O Concello de Tui avanzará na investigación dos importantes restos arqueolóxicos romanos atopados na praza do Pracer e acometerá unha nova fase de escavación ante relevancia dos vestixios descubertos. 

Estes achados foron atopados nas sondaxes arqueolóxicas realizadas na praza do Pracer, en pleno conxunto histórico, dentro do proxecto de reforma e reurbanización deste espazo, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “Vive a Historia, Descubre Tui: Conexión sostible entre patrimonio e natureza”. Estes traballos acometéronse, entre os meses de xaneiro e febreiro deste ano, en cumprimento da normativa vixente en materia de patrimonio cultural, e neste mes de marzo vén de emitirse o informe técnico cos resultados desta intervención.

Este documento, emitido pola dirección da escavación formada polos arqueólogos Mª Soledad Prieto e Juan José Perles, sinala que a entidade, extensión e estado de conservación destes restos arqueolóxicos de orixe romano fai incompatible a execución do proxecto inicialmente previsto. En concreto o informe técnico, ante a importancia dos restos,  desaconsella a plantación de árbores prevista xa que “resulta incompatible coa conservación das estruturas arqueolóxicas en posición primaria documentadas e polo tanto debe descartarse” conclúe o documento.

Nas sondaxes realizadas atopáronse muros, pavimentos, estruturas de drenaxe, unha escaleira e unha estrutura circular interpretada como pozo ou silo de almacenamento datados entre os séculos I e IV d.C. Este material confirma a ocupación romana deste espazo, e constitúe unha valiosa achega de información, até o de agora descoñecida, sobre o Tude Romano.

Así o informe técnico sinala que “a conservación dos restos romanos documentados nesta intervención son de enorme relevancia no contexto do conxunto histórico de Tui”. Apunta á “singularidade da súa ubicación, nun espazo público aberto no que se preservaron os restos sen afección de momentos posteriores”. Así desde o punto de vista patrimonial, o propio informe destaca o alto valor dos restos atopados, ao tratarse de “estruturas de carácter habitacional en posición primaria localizadas nun espazo público do conxunto histórico, algo excepcional e de grande interese para o coñecemento do Tui romano”. 

Á vista destes resultados, e tal e como se recolle no informe técnico, o Concello de Tui considera necesario continuar cos traballos arqueolóxicos nunha nova fase de escavación en área que permita ampliar a investigación, conectar as zonas xa escavadas e seguir avanzando no coñecemento histórico da cidade. Por iso dende o Concello remitiuse xa o informe á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa valoración e consideración.

Precisamente o Concello traballa agora na continuidade das escavacións, para o que solicitou unha proposta económica para coñecer o alcance da continuidade da intervención que complete a actuación na praza”.  Ademais estudará en coordinación coas administracións competentes en materia de patrimonio e arqueoloxía, as distintas opcións para a conservación, protección e posible posta en valor dos restos, entendendo que “o patrimonio non é un obstáculo, senón unha oportunidade para coñecer mellor a nosa historia e poñela ao servizo da cidadanía”.

Dende o Concello de Tui considérase que “estes achados, ademais do seu valor histórico e cultural, representan unha oportunidade para seguir coñecendo a historia de Tui e para poñer en valor o seu patrimonio” polo que “reafirma o seu compromiso coa protección do patrimonio, coa rigorosidade nas actuacións no conxunto histórico e coa toma de decisións responsables baseadas en criterios técnicos”.