Presentación do libro "As murallas de Tui" de Rafael Sánchez Bargiela

Este venres, 27 de marzo, ás 19.30 h no no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela preséntase o libro “A murallas de Tui” do historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela. Esta publicación vén de ser editada polo Concello de Tui ao abeiro do proxecto europeo Interreg Poctep “FarPax” no que participa o concello tudense.
A obra presenta un sinxelo achegamento ao amplo acervo patrimonial que Tui conserva dos tres sistemas amurallados cos que contou ao longo do tempo: a muralla medieval do século XII, a antemuralla ou falsa braga do século XV, e a posterior ampliación do perímetro amurallado no século XVII e XVIII. Unha amplo conxunto monumental que pasa desapercibido tanto para os tudenses como para os visitantes e que agora esta obra pretende divulgar.
Cunha extensión de 60 páxinas o libro está ilustrado cunha ampla colección de fotografías realizadas especialmente para esta obra polo fotógrafo José Salgado.
Na presentación deste venres participarán o autor, Rafael Sánchez Bargiela; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; Ina Barrio Blanco, xestora polo concello de Tui do proxecto Interreg Poctep Far Pax; Xosé Lago García, da Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Trasfronteiriza da Xunta de Galicia; e Juan José Perles Fontao, vicepresidente do Instituto de Estudios Tudenses




