Tui conmemora o 8M reivindicando unha sociedade máis xusta e igualitaria
A maxistrada Paz Filgueira dará lectura ao manifesto no acto institucional este venres no Teatro Municipal
Baixo o lema “Dereitos, Xustiza e Acción, por e para todas”, neste 8M, Día Internacional da Muller, o Concello de Tui apela ao cumprimento efectivo da Lei de Igualdade, poñendo o foco na necesidade de que os dereitos conquistados se traduzan en xustiza e acción concreta na vida cotiá das mulleres.
O Concello de Tui, a través da Concellería de Igualdade, deseñou para este 8M unha ampla e diversa programación situando no centro do debate a necesidade de avanzar cara a unha xustiza real e efectiva para as mulleres, en consonancia co chamamento de ONU Mulleres para este 2026.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, destaca que “esta programación é unha mostra do compromiso firme deste goberno coa igualdade. O 8M é memoria, é reivindicación e tamén é acción política desde o local para transformar a sociedade”. Engade Ana Núñez que o obxectivo da programación organizada “non é só conmemorar o 8M,senón tamén ser un instrumento de cambio real para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria en Tui”.
Así neste 8M dende o Concello búscase sensibilizar á cidadanía sobre as desigualdades aínda existentes, xerar espazos de reflexión e formación arredor da xustiza, os dereitos e as políticas de igualdade, visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos: social, cultural, económico e político, e impulsar a participación comunitaria como ferramenta de transformación social.
Por outra parte a través dos distintos eventos organizados apóiase o talento e o emprendemento feminino, favorecendo a súa autonomía e presenza no tecido local.
Con estas iniciativas o Concello de Tui consolida o seu compromiso institucional coa igualdade como eixo transversal das políticas municipais.
Para o deseño do cartel anunciador da programación deste ano o Concello de Tui apostou pola ilustradora galega Luz Beloso, cunha ampla traxectoria, dando deste xeito visibilidade ao talento feminino e recoñecendo o papel das mulleres creadoras na construción da imaxe e do discurso cultural da igualdade. No mesmo Luz Beloso plasma a distintas xeracións de mulleres unidas por un fío, que formando unha balanza, as conecta.
O acto central desta programación será este venres, 6 de marzo, ás 19 h no Teatro Municipal. A maxistrada Paz Filgueira dará lectura ao manifesto deste 8M. O evento, presentado por Paula Cabaleiro, abrirase coa acción escénica “4.0” de Sue Moreno, actuará alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui cunha homenaxe compositoras, e farase un recoñecemento á Asociación de Amas de Casa de Tui co gallo do seu 34 aniversario.
O programa contempla dúas proxección cinematográficas en colaboración co Cineclub Tui este xoves 5 “Sufraxistas” e o xoves 12 “Yo soy Nevenka” no Espazo Sociocultural, nos dous casos ás 19 h. Este sábado 7 de marzo, ás 12.30 h, será inaugurada a exposición “Pinceladas de Muller” da Asociación Tide Arte na Oficina de Turismo. O sábado 15 e o domingo 16 no Espazo Sociocultural celebrarase o II Mercado Elas Facedoras que reunirá a distintas mulleres creadoras e contará cun programa de actividades paralelas con monólogos, mesas redondas e actuacións musicais.
O luns 23, ás 19 h, terá lugar unha Conversa con Marilar Aleixandre sobre o libro “As Bocas Cosidas”.
O Concello de Tui mantén o seu firme compromiso coa igualdade cun amplo programa de actividades dirixido a todos os públicos co que seguir camiñando cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.





