Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui esixe a Educación un compromiso firme para a reforma integral do CEIP de Pazos de Reis

13/02/2026

Reclámase unha solución á situación que o centro vive dende hai máis de 20 anos

As instalacións do CEIP de Pazos de Reis precisan unha solución urxente e firme que garantan unha educación de calidade e para poder dar cabida a todo o alumnado que solicita praza neste centro educativo. Con máis de 65 anos de antigüidade, o centro situado na Porteliña, precisa dende hai máis de 20 anos unha solución, que pese aos distintos proxectos existentes ao longo dos últimos anos aínda non se materializou. Así o expón a concelleira de Ensino do Concello de Tui, Sonsoles Vicente, reclamando da Xunta de Galicia un compromiso firme reflectido na correspondente consignación orzamentaria e no proxecto de execución para a reforma integral do centro.

A concelleira sinala que a falla dunha partida específica nos orzamentos da Xunta para a reforma integral do CEIP de Pazos de Reis está a “xerar indignación e preocupación na comunidade educativa e na sociedade tudense”.  Explica Sonsoles Vicente coma dende o Concello, responsable so de labores de mantemento, se ten superado o 11% da partida asignada a esta cuestión nos orzamentos municipais ante a necesidade de realizar melloras para “garantir unha educación pública digna para todos e todas”.

A concelleira de Ensino lembra que hai 20 anos se construíron unhas aulas prefabricadas que ían ter carácter transitorio, e seguen a empregarse. Explica que pese aos proxectos que estiveron sobre a mesa a situación non cambiou. Alude así proposta de construción dun novo centro na Finca Lagarteira, adquirida polo concello en 2011 e que non se considerou viable en 2018, e á posterior elección por parte de Educación da Macoca, e que pese  aos trámites realizados polo goberno coa Entidade Local Menor de Pazos de Reis para a cesión dos terreos, tampouco foi adiante ao trasladarse que “non era viable por ser chan rústico”.

Lamenta Sonsoles Vicente que pese a que en 2024 se chegou a un acordo con  todas as partes implicadas para acometer a reforma  integral do centro esta segue sen materializarse. Así indica que en marzo do ano pasado se presentou o proxecto básico, ao que se deu licenza dende o concello en xullo, pero nos orzamentos da Xunta para 2026 non figura partida orzamentaria para este fin, nin foi presentado no proxecto de execución o Concello.