Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Samuel Diz e Jonatan Alvarado presentan en concerto “El mal de l’Amor” o 13 de febreiro en Tui

30/01/2026

Ofrecerán un repertorio inédito de Gustavo Durán que gravaron en Dartington Hall

O Teatro Municipal de Tui será escenario o vindeiro venres, 13 de febreiro, ás 21.00 h, da presentación oficial en primicia do novo disco de Samuel Diz, nun concerto moi especial que contará coa participación do tenor Jonatan Alvarado. Será unha experiencia musical única, marcada pola intimidade, a emoción e a recuperación dun repertorio practicamente inédito.
Esta mañá, no propio teatro, a presentación do concerto contou coa intervención da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e do músico e investigador Samuel Diz. 

Sonsoles Vicente destacou a importancia de que Tui acolla a estrea deste proxecto artístico sinalando que “é un día especial por poder presentar neste teatro o novo disco de Samuel Diz, acompañado por Jonatan Alvarado, dous músicos magníficos enriba do escenario. Vai ser un espectáculo digno de escoitar e de gozar”. A concelleira convidou á veciñanza a achegarse ao Teatro Municipal para descubrir a música de Gustavo Durán, compositor da Xeración do 27 aínda pouco coñecido polo gran público, pero de enorme valor artístico e histórico.

Pola súa banda, Samuel Diz, quen amosou a súa satisfacción por volver actuar no Teatro tudense, explicou que o proxecto, titulado El mal de l’amor, é froito de varios anos de investigación e recuperación musical. Trátase dun concerto en formato íntimo, para voz e guitarra, que afonda nos sentimentos e na obra de Gustavo Durán, compositor, diplomático e figura singular da cultura europea do século XX. O repertorio inspírase en melodías, ritmos e tradicións musicais recollidas por Durán ao longo das súas viaxes por España, América Latina e Europa, integrando influencias galegas, castelás, catalás, cubanas, arxentinas e andinas.

O concerto contará coa voz de Jonatan Alvarado, un dos tenores máis recoñecidos da actualidade, cunha traxectoria que tende pontes entre a música medieval e renacentista e as tradicións orais europeas e latinoamericanas. Xunto á guitarra de Samuel Diz, a proposta ofrece unha experiencia “espida”, directa e profundamente emotiva.

O disco El mal de l’amor foi gravado en abril de 2025 en Dartington Hall (Inglaterra), un espazo histórico cargado de simbolismo na vida de Gustavo Durán, e contou coa colaboración directa da súa familia, incluídas as súas fillas Lucy Durán, como produtora musical, e Jane Durán, poeta e tradutora dos textos das cancións. O traballo reflicte tamén a diversidade lingüística do compositor, con pezas en castelán antigo e actual, galego, portugués, brasileiro e linguas de tradición oral americana.

Samuel Diz subliñou que a recuperación deste patrimonio musical é tamén unha acción social e cultural afirmando que “compartir esta música é tender pontes entre a historia, a memoria e a sociedade actual, reivindicando valores como a diversidade, o diálogo entre culturas e a liberdade de identidade”.

O concerto do venres 13 no Teatro Municipal de Tui preséntase así como unha oportunidade única para descubrir unha figura fundamental da cultura do século XX e para gozar dun espectáculo de grande beleza e profundidade artística. Será unha ocasión especial xa que as fillas de Gustavo Durán, Lucy e Jane Durán, estará en Tui para asistir ao evento musical. 

As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 10€ e 7,5€.

ENTRADAS