Tui acolle esta fin de semana a única regata cronometrada de embarcación 8+ de remo que se celebra en España
A 45ª Regata Miño Internacional reunirá a 24 clubs españois e portugueses
Espectáculo deportivo de primeiro nivel nas augas do río Miño en Tui este sábado coa celebración da 45ª Regata Miño Internacional, a única regata cronometrada de embarcacións 8+ de remo que nestes momentos se celebra a nivel nacional. A proba é tamén a XXI Copa Presidencia da Deputación de Pontevedra.
Esta competición cunha longa traxectoria abre o calendario deportivo tudense en 2026 e forma parte do calendario da Federación Internacional de Remo. Presentouse esta mañá no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; o comandante naval do Miño, Víctor García; o comandante do Cabo Fradera, Ignacio Grueiro; o director técnico da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui; o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González; e a tesoureira do club, Aurea Gil.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou o “compromiso inquebrantable do Concello de Tui co deporte en xeral e co remo en particular”. Referiu o traballo que se realiza para a mellora das instalacións deportivas, avanzando sobre o Centro Interfederación do Remo e Piragüismo, que agardan acadar o financiamento preciso para poder realizar a ampliación destas instalacións.
No mesmo sentido, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou a mellora realizada no pantalán da rúa Olímpicos Tudenses, co cambio do sistema de flotación, e a aposta polo deporte local. Agradeceu ao Club Remo do Miño o seu traballo, que permite que moitos deportistas participaran o ano pasado en competicións nacionais e internacionais levando o nome de Tui. Convidou a achegarse ao río este sábado e gozar dunha proba "moi bonita".
O comandante Naval do Miño, Víctor García, manifestou o orgullo de poder colaborar en competicións deportivas que reflicten valores coma o traballo en equipo, a disciplina, e o compromiso, cos que se identifica plenamente a Armada.
Juan Zunzunegui, director técnico da Federación Galega de Remo, desexou longa vida a esta regata, a única cronometrada para embarcacións 8 que se celebra. Sinalou que probas coma esta contribúen a fomentar o remo en equipo e animou aos clubs a sumarse a esta competición.
O presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, foi o encargado de dar os detalles técnicos da Regata Miño Internacional, que contará cunha ampla participación. Estarán presentes 12 clubs nacionais: Remo San Felipe, Madrid Velocidad, Ría de Marín, Remo Vigo, Mar de Noia, Náutico de Sevilla, Remo Coruxo, Cabo de Cruz, Chapela, Tirán, Remo Tui e Remo do Miño. Tamén están inscritos 12 clubs portugueses: Remo Cerveira, Remo Gondomar, Fluvial Vilacondense, Sporting Club Caminhense, Colectividade Popular de Cacia, Fluvial Portuense, Sport Club do Porto, Viana Remadores do Lima, Associação Desportiva Naval Remo, Associação Naval de Lisboa, Associação Académica de Coimbra e Club Naval Infante D. Henrique.
Manuel Ángel González destacou a participación de 20 embarcacións 8+ e 19 de 4x.
Ás 11:50 h en Amorín comezarán as saídas, que serán por tandas cronometradas cada cinco minutos. A liña de meta, tras un percorrido de 6 km, situarase fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui. A entrega de premios está prevista para as 13:00 h.
Tui vivirá este sábado este consolidado e histórico evento deportivo nas augas do río Miño.





