Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Consorcio de Augas do Louro impulsa a dixitalización integral do ciclo da auga cun proxecto de máis de 3,5 millóns de euros

25/11/2025

Instalaranse máis de 4.000 contadores intelixentes, 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, 60 caudalímetros, máis de 70 sensores de calidade de auga residual e o deseño dunha web para facilitar información á cidadanía sobre a xestión das instalacións. 

O Consorcio de Augas do Louro, integrado polos Concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas, celebrou hoxe un comité extraordinario no que se aprobou o proxecto de mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga. A obra, que sae a licitación e conta cun prazo máximo de execución de seis meses, supón un investimento total de 3.574.817,99 euros, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), no marco da segunda convocatoria do PERTE promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O proxecto ten como obxectivo principal a implantación de solucións tecnolóxicas avanzadas para a sensorización, automatización, control remoto e análise de datos en tempo real de todas as instalacións do ciclo da auga xestionadas polo Consorcio, desde a captación ata a depuración. Este avance permitirá optimizar a xestión integral da auga, reducir perdas e consumo enerxético, mellorar a transparencia e trazabilidade dos procesos e garantir unha resposta rápida ante incidencias, cumprindo ademais coas esixencias da nova normativa europea sobre protección do dominio público hidráulico.

Entre as accións concretas previstas destacan a instalación de case 4.100 contadores intelixentes para usuarios domésticos, grandes consumidores e instalacións municipais, a creación de 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, a colocación de 60 caudalímetros en estacións de bombeo de augas residuais e máis de 70 sensores de calidade de auga residual vertida, co fin de mellorar o control da rede de saneamento. Adicionalmente, instalaranse dúas plantas solares fotovoltaicas nas potabilizadoras de Mos e Tui e desenvolverase un deseño web para facilitar á cidadanía o acceso á información sobre a xestión das instalacións.

Todas estas medidas contribúen aos obxectivos establecidos na Planificación Hidrolóxica 2022- 2027 da Demarcación Miño-Sil, promovendo o bo estado do dominio público hidráulico, reducindo a contaminación e aumentando a eficiencia e sustentabilidade dos servizos.

Coa aprobación deste investimento e o impulso das actuacións do PERTE, o Consorcio de Augas do Louro dá un paso decisivo cara á xestión intelixente e sostible do ciclo integral da auga, converténdose nun modelo replicable para outras entidades xestoras.