Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá inaugúrase a exposición Crebas e Peixe de Xavier Álvarez Blázquez e Alfonso Álvarez Cáccamo

12/11/2025

“Crebas e peixes” é o título da exposición que mañá xoves, 13 de novembro, ás 19.30 h será inaugurada na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no Edificio “Francisco Sánchez”. Trátase dunha mostra singular que presenta unha escolma de pinturas de Xavier Álvarez Blázquez es as pequenas “esculturas” de Alfonso Álvarez Cáccamo, falecido en marzo do pasado ano.

Así a exposición reúne os peixes pintados de Xavier Álvarez Blázquez e as crebas, os restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa, rescatadas e transformadas por Alfonso Álvarez Cáccamo.

O crítico de arte Carlos L. Bernárdez sinala no catálogo desta exposición que “xa o propio título da mostra anuncia aspectos reflexivos notábeis e xoga co significado da palabra “creba” ligada ao espazo material, xeográfico e fortemente evocativo. Trátase do que o mar deita na costa, o refugallo. Poren, Alfonso, lonxe dun tratamento anecdótico ou mesmo romántico do tema, ligado á ruína ou ao sublime, utiliza estes motivos para unha auténtica abertura lúdica da visualidade (…) as pinturas de Xavier son un exemplo de como o punto de partida estético permite “abrir a visión” para transformar a percepción e o pensamento, para, en certo modo, recrear o real”

A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, indica que “esta exposición une o interese artístico derivado da calidade das obras expostas e a súa capacidade de evocación e comunicación ao interese por contar en Tui con esta mostra da autoría de dos membros da ampla familia dos Álvarez que con esta exposición continúan achegándose ata Tui, a terra dos seus ancestros, mantendo acesa unha vinculación que dende o Concello de Tui agradecemos”.

A exposición estará aberta ao público ata o 5 de xaneiro de 2026. Poderá visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h. Permanecerá pechada domingos e festivos.