Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui reforza o seu compromiso coa educación e a cultura cun investimento de 156.400 euros en axudas ás asociacións

17/10/2025

O prazo para a presentación das solicitudes será de quince días contados dende hoxe venres. Concederanse por concorrencia competitiva

O Concello de Tui consolida a súa aposta pola educación, a cultura e o tecido asociativo local cun incremento das partidas destinadas ás ANPAs, ás asociacións culturais, ás formacións musicais e ás bandas de gaitas. Faino a través da convocatoria de axudas cun importe que se incrementa até os  156.400 euros.

Por unha parte, no eido educativo, o Concello destina 21.400 euros para apoiar proxectos e actividades promovidas polas ANPAs de centros educativos. Valorarase especialmente aquelas iniciativas que fomenten a conciliación, coma a aula matinal, a integración, a participación social e a realización de propostas culturais e formativas.

No ámbito cultural e asociativo haberá dúas liñas principais de apoio. Unha dirixida ás asociacións culturais cunha partida de 42.200 €, e outra para as asociacións musicais e as bandas de gaitas cun importe de 43 mil euros.  A este investimento hai que engadir o recollido nos convenios asinados nestes eidos.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, subliña que “este investimento reforza o noso compromiso coa educación e a cultura,  apoiando o papel fundamental das asociacións”. Engade que con estas achegas “o Concello de Tui quere impulsar e apoiar a ampla programación cultural do municipio, así como reforzar o traballo das entidades que fan posible eventos e festivais de referencia como Play-Doc, IKFEM e outras citas organizadas polas asociacións locais”. Conclúe a concelleira afirmando que “apostamos por unha cultura viva, participativa e accesible, e por un sistema educativo que promova a igualdade, a integración e a conciliación”.

Precisamente hoxe abre o prazo de solicitude das axudas convocadas nestas tres liñas – ANPAs, asociacións culturais, musicais e bandas de gaitas -. As asociacións dispoñen agora de 15 días naturais, contados dende hoxe, para presentar as súas solicitudes xunto á documentación requirida a través da sede electrónica do concello de Tui. As bases e os anexos a presentar están dispoñibles na web municipal www.tui.gal. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

Subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por ANPAS 2025

Subvencións Asociacións Culturais 2025

Subvencións asociacións musicais e bandas de gaitas 2025