O Concello de Tui presenta a marca dos 800 anos da consagración da Catedral
O Concello de Tui presentou este mediodía, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, a imaxe de marca da conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui.
A identidade gráfica deste destacado evento está representada por unha marca versátil que presenta diferentes aplicacións da mesma en función dos soportes e das necesidades comunicativas. Este símbolo corporativo, deseñado pola empresa Anónimo Advertising de Vigo, basease na síntese visual dos elementos máis distintivos da catedral tudense, combinando arquitectura, ornamentación e simbolismo nunha composición equilibrada. Os elementos que serviron de inspiración foron a fachada fortificada, a portada gótica co seu característico arco oxival e a decoración ornamental existente nos diversos espazos arquitectónicos da catedral.
Así o explicou hoxe Ana Lozano responsable da empresa encargada do deseño, explicando que “é unha imaxe que busca condensar a esencia dunha das catedrais máis antigas de Galicia. Tratamos de respectar a súa historia pero sempre cun enfoque moderno e máis actual”. Engadiu que no deseño do imagotipo trataron de representar os elementos da fachada catedralicia “de xeito que ao visualizar a marca sexa recoñecible por todos e todas”.
No acto tanto o deán do Cabido da Catedral, José Dieguez Dieppa, como o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, destacaron o positivo resultado na elaboración deste deseño que resulta sumamente atractivo e identificador deste acontecemento que dende o vindeiro 30 de novembro e ao longo de todo o ano 2026 identificará a actividade promovida arredor deste excepcional acontecemento.
Enrique Cabaleiro anunciou tamén que nos vindeiros días toda a documentación e imaxe do concello de Tui incluirá xunto á marca corporativa do Concello de Tui este novo elemento de identidade gráfica coa vontade de divulgación desta efeméride de singular importancia para a nosa cidade.
As entidades que desexen empregar esta imaxe gráfica nas súas actividades poderán facelo libremente sempre e cando soliciten previamente a súa autorización por escrito ao Concello de Tui.