Mercedes Peón “Ingrávida”

A programación de Outono no Teatro Municipal de Tui ábrese con “Ingrávida” o concerto co que Mercedes Peón celebra os 25 anos no mundo da música dende a edición do seu primeiro disco Isué.
Mercedes Peón ofrécenos un percorrido por temas dos seus cinco discos editados en solitario. Un repertorio marcado polas recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas de todo o país, os traballos cinematográficos ou de danza e o seu espírito inquedo, innovador e vangardista.
Ingrávida é unha celebración para a que Mercedes Peón se rodea de mulleres ás que admira, músicas que beben da tradición cultural mais que tamén aportaron novas olladas nas súas músicas. Un traballo coral centrado na figura de Mercedes Peón acompañada por un dúo chelo e violín, o grupo de voces líricas "Galíricas", os grupos Raigañas de Cerqueda e Xirifeiras, Mónica de Nut, e Ana Fernández.
A cabalo do acústico e da electrónica, Ingrávida é unha festa de celebración desta efeméride e unha homenaxe a persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo.
A entrada para o concerto é de balde pero debe facerse reserva previa.
Este espectáculo chega a Tui grazas ao programa +Música da Deputación.
- Duración: 70 minutos
- Recomendado: + 12 anos