Durante este mes pódese visitar en Tui a exposición “La Edad de Oro de los Judíos de Alandalús”
Durante este mes de setembro pódese visitar no Anexo da Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez a exposición “La edad de oro de los judíos de Alandalús’ dentro da programación do Setembro Xudeu.
A mostra ofrece un retrato da vida das comunidades xudías do Mediterráneo entre os séculos X e XIII, especialmente durante a época de esplendor cultural económico en Alandalús. Esta mostra documenta o día a día dos xudeus da península ibérica dos séculos X ao XIII grazas aos documentos que se descubriron na guenizá do Cairo (Exipto).
As guenizás son habitáculos situados en sinagogas e cemiterios xudeus nos que se depositaban todos aqueles documentos de carácter sacro que quedaban inservibles pero que a tradición xudía impide destruír. A finais do S.XIX diferentes investigadores británicos comezaron a estudar os documentos que se conservaban na guenizá da sinagoga de Ben Ezra, no Cairo, Exipto. Os máis de 200.000 manuscritos achados alí remontábanse en moitos casos ao século X e incluían cartas, informes xudiciais, contratos de matrimonio, testamentos… e permitiron aos investigadores, que durante anos estudaron este achado, crear un retrato de como era a vida das comunidades xudías do Mediterráneo durante os séculos X, XI e XII, un momento no que Alandalús foi considerada un dos epicentros daquel esplendor cultural e económico que vivía o mundo xudeu. Boa parte do resultado da análise deses documentos, moitos conservados na Universidade de Cambridge, pode verse na exposición “La Edad de Oro de los judios de Alandalús”.
A mostra foi organizada por Centro Sefarad-Israel, coa colaboración de Casa do Mediterráneo, o Miller Center for Contemporary Judaic Studies e The George Feldenkers Program in Judaic Studies da Universidade de Miami, a Red de Juderías de España, o World Jewish Congress e a Fundación Hispano Xudía
Esta exposición inaugurouse en setembro de 2023 no Centro Sefarad-Israel de Madrid onde se puido visitar ata marzo de 2024 e a principios de xuño inaugurouse tamén en Tesalónica e ven recorrendo as diversas cidades da Red de Juderías de España.
A exposición, subliña a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, realza a presenza e importancia das comunidades xudeu-andalusíes desde as súas orixes peninsulares ata a súa dispersión por todo o Mediterráneo medieval. O que permite achegarse á súa forma de vida, ás súas inquietudes, necesidades, habilidades e problemas. É unha viaxe desde as orixes desta importante comunidade ata o seu éxodo, evidenciando os períodos de convivencia e outros de intolerancia acaecidos ao longo dos séculos. Esta mostra forma parte da programación do Concello de Tui para o “Setembro xudeu” e chega a Tui gracias á colaboración da Red de Juderías de España, da que Tui forma parte dende o ano 2019.