Música sefardí á luz das candeas este venres en Tui
A programación do “Setembro xudeu” en Tui comeza este venres 5 de setembro ás 21.30 h na praza do Pracer. Será co concerto de música sefardí á luz das candeas “Arvolicos lejanos”, a cargo de 2nafronteira: Maurizio Polsinelli ao piano e Carmen Penim na voz.
A gran novidade deste espectáculo é a iluminación, que está baseada nas candeas. Así a praza do Pracer, en pleno conxunto histórico de Tui, converterase nun espazo intimista e cheo de simbolismo para acoller este concerto de música sefardí.
O dúo 2naFronteira creouse en Italia no ano 2008. Formado pola cantante galega Carmen Penim e o pianista romano Maurizio Polsinelli, publican o seu primeiro álbum “Humo en los ojos” en 2011, baseado en poemas de Carmen Penim. Os seus concertos son sempre unha mostra de paixón e calidade técnica, de mestura entre xéneros e influencias, dende música tradicional, sacra ou sefardí e as músicas do mundo.
O nome 2naFronteira describe o eclecticismo musical deste dúo e a súa intención de seguir investigando sen pecharse a ningunha posibilidade compositiva ou musical.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, sinala que “con esta actividade que une patrimonio, cultura e turismo, o Concello de Tui segue avanzando no seu compromiso de dinamización do conxunto histórico e no impulso á súa revalorización”.
A programación do “Setembro xudeu” continúa este domingo 7 de setembro ás 11.30 h, dende a Oficina de Turismo, cunha visita guiada á ruta xudía a cargo da historiadora da Arte Sara Quintana.