Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebrará o festival Boas Vibes o sábado 6 de setembro

8/08/2025

O programa posto en marcha o ano pasado convértese neste 2025 nun punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e a cultura

Un punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e a cultura. Así será o Festival Boas Vibes que se celebrará en Tui o sábado, 6 de setembro.  Esta iniciativa posta en marcha no outono de 2024 pola concellería de Igualdade, da un paso máis converténdose nun festival co que despedir co verán, tras o éxito acadado na primeira edición. Volverá a promover as “boas vibras”  poñendo a igualdade de oportunidades, o respecto, a cohesión social e a corresponsabilidade no centro.

De once da mañá a doce da noite a Alameda de San Domingos transformarase para acoller este festival no que a mocidade será a  protagonista dun programa cheo de actividades.

O Festival Boas Vibes promove a igualdade a través da cultura en vivo: música, break dance, beat box, arte urbana, mercado creativo e encontros inspiradores, ademais dunha zona gastro que promova un espazo de lecer alternativo para as xeracións máis novas.

Ás 11 h abrirán os postos do Mercado Creativo amosando o talento novo en produtos e pezas de arte, artesanía, ilustración, moda, música, cerámica, xoiería, decoración, deseño gráfico, fanzines, literatura e outras actividades creativas. Poderán participar mozos e mozas  de 18 a 35 anos. Para iso deben inscribirse no formulario aberto na web municipal – tui.gal – até as 23:59 h  do domingo 24 de agosto de 2025.

Xunto á apertura institucional, os encontros inspiradores abren, ás 12.30 h, na zona do Mirador un espazo de diálogo para coñecer de primeira man a experiencia profesional e persoal de xente moza referente no ámbito da cultura, da interpretación, do deporte, da moda, da creación de contidos dixitais, do eido dos videoxogos, da ciencia e da divulgación. Contarase coa participación de Guillermo Carracedo, médico, campión de Paddle Surf e tiktoker; Isabel Garrido, actriz, coñecida por series de Netflix como Élite, El Jardinero ou El Desorden que dejas, ademáis de múltiples filmes; Raúl Lomba, emprendedor, cofundador da marca de moda surfeira galega Waves; e FatiSuki, streamer e creadora de contidos, de humor, anime e videoxogos. Ás 13.30 h, na hora do aperitivo, haberá unha Sesión Dj con Sofi Peries que pechará as actividades matutinas, podendo desfrutar da zona gastro con food trucks, que estarán abertas ao longo de toda a xornada.

Pola tarde, ás 16.30 h, continuarán sesións dj, coa viguesa Sariinha e o porriñés Samu Pexe, mentres a artista plástica Alba Troiteiro realizará unha pintura de gran formato en directo. Ás 18.30h, estará en concerto o grupo emerxente  Supernova. Ás 19.30 h, chegará Vella Escola cun intenso e impresionante espectáculo de Breakdance e Beat Box. A xornada pecharase  con dous concertos de artistas xoves, xa referentes no ámbito galego: Hydn (ás 20.30h) e Eris MackenZie (ás 22.00h). O recinto do festival pecharase ás 00.00h.

Este programa, comisariado pola xestora Paula Cabaleiro, está promovido pola Concellería de Igualdade de Tui, co apoio das Subvencións a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a Promoción da Igualdade (Programa Plan Corresponsables no ámbito local. Dirección Xeral de Promoción da Igualdade).

Festival Boas Vibes

  • Sábado 6 de setembro na Alameda de San Domingos
  • Programa
    • Mercado Creativo: de 11.00h a 21.00h
    • Zona Gastro (foodtrucks con mesiñas e cadeiras): de 11.00h a 00.00h
    • Encontros con xente inspiradora: de 11.30h a 13.30h. Con Guillermo Carracedo (médico e campeón de PaddleSurf, tiktoker), Isabel Garrido (actriz), Fatisuki (creadora de contidos, sobre anime e videoxogos, streamer) e Raúl Lomba (cofundador da marca de moda surfeira Waves).
    • Dj Session: dende a hora do aperitivo e o xantar (13.30-15.00h) e media tarde, de 16.30h ás 18.30h. Con Sofi Peries Dj, Samu Pexe Dj e Sariinha DJ.
    • Pintura en directo, de Alba Troiteiro: de 16.30h a 19.30h.
    • Concerto de Supernova: de 18.30 a 19.00h.
    • Espectáculo Breaking dance & Beat Box: de 19.30 a 20.00h. Con Vella Escola.
    • Concerto de Hydn: de 20.00h a 21.00h. Con danza e DJ.
    • Actuación de peche. Concerto de Eris MackenZie: de 22.00h a 23.00h.
  • Entrada libre
  • Máis información: igualdade@tui.gal / 664 55 24 93