Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito na primeira fin de semana da programación cultural de Tui

7/07/2025

Celebrouse a Romaría das Angustias, a conmemoración dos 125 anos da Cruz do Aloia e o V Festival de Cultura Tradicional e Folk  

Fin de semana de romaría e música tradicional a primeira do mes de xullo, que inaugurou a programación cultural do verán do Concello de Tui. 

Onte domingo o protagonista foi o Parque Natural Monte Aloia, onde multitude de persoas se congregaron para celebrar a Romaría das Angustias, como cada primeiro domingo de xullo, e a conmemoración este ano do 125 aniversario da Cruz do Aloia. 

Vinte persoas participaron na andaina organizada polo Concello até o cumio do monte que saíu ‘ás 8 h dende o centro urbano. Ás 12 h celebrouse no entorno da capela a misa solemne, presidida polo bispo da diocese de Tui-Vigo, Monseñor Antonio Valín. Ao remate comezou a procesión coas imaxes da Nosa Señora das Angustias e de San Xulián que este ano, debido á conmemoración do 125 aniversario da Cruz , ampliou o seu percorrido até a Cruz. A Banda de Música Popular de Tui ofreceu un concerto no recinto da capela pechando a programación da mañá. Foron numerosas as persoas que continuaron a romaría xantando no monte. 

V Festival da Cultura Tradicional e Folk

A tradición e a música encheron as rúas de Tui durante tres días co V Festival da Cultura Tradicional e Folk, organizado pola Asociación Cultural San Telmo. 

O Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolleu durante a fin de semana unha exposición do traxe da muller aldeá do grupo etnográfico Traxandaina, que se inaugurou coa música vinculada á vestimenta e á arte de tecer da man de Luís Prego, Cristóbal Pascual, Roberto Porto e Álvaro Iglesias.

A praza de San Fernando foi o escenario o sábado do X Certame de Gaita e Tamboril. O grupo Meigas Fritas, formado por Manuel Ramón Seoane, gaita, e Francisco Cives, tamboril, de Sobrado dos Monxes, da Coruña, fíxose co primeiro premio. O segundo correspondeu ao Dúo Ortegalia de Antón Franco á gaita e Andrés Pérez ao tamboril, de Ortigueira. E o terceiro premio recaeu no conxunto Sisto, de Manuel Sisto á gaita, e Eduardo Andrés Sisto ao tamboril, de Tomiño. 

Participaron grupos chegados de Ortigueira, Sobrado dos Monxes, Baleira, Lugo, Cedeira, A Valenzá e Tomiño; e actuou o grupo de pandereteiras da Asociación Cultural San Telmo. A noite pechouse co concerto “Cantares no Camiño” con Xisco Feijoo e María Vidal. 

Mentres, onte domingo o Paseo da Corredoira, entre a rúa Augusto González Besada e a Glorieta de Vigo, foi o  escenario do X Día da Muiñeira, no que participaron 14 agrupacións: Trompos Ós Pés (Marín); Andarela (Vigo); Flores do Galiñeiro (Vincios); Pais de San Roque (Cangas); Grupo Folclórico Ventos de Comesaña (Vigo); Peña Xuntanza (Vigo); Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas); Asociación Cultural Folclórica Tarambainas (Vigo); Lembranzas da Ría (Cangas); Asociación As Nosas Rúas (Vigo); Meiramar Axóuxeres (Moaña); Mosteiro Pexegueiro; Saragana Traxe de Tui; e Alfándega Asociación Cultural San Telmo. 

Previa á entrega de detalles conmemorativos tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro coma a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, agradeceron aos grupos a súa participación e o traballo que realizan por “manter vivo o noso patrimonio”. 

Deste xeito pechouse unha fin de semana na que a tradición e a música foron protagonistas en Tui.