Cinema Gardiana de dragóns

Dentro da programación do verán o sábado 12, ás 22.30 h, na praza do Pracer proxectarase a película "Gardiana de dragóns" dirixida a todos os públicos. Haberá 150 cadeiras. A entrada é de balde.
"Gardiana de dragóns" está dirixida por Salvador Simó e Li Jianping, con guión de Carole Wilkinson, Pablo Castrillo, Ignacio Ferreras, Rosanna Ceccini e Wang Xianping, baseado na novela homónima de Wilkinson.
Ambientada na antiga China, durante a dinastía Han, a historia narra como os dragóns, outrora aliados e sabios compañeiros dos humanos, foron perseguidos e capturados ao longo dos anos. Nunha remota fortaleza, unha moza axuda ao último dragón vivo a fuxir do seu cativeiro. Xuntos emprenden unha perigosa aventura para recuperar o último ovo de dragón, roubado por un feiticeiro que procura a inmortalidade a través do seu poder.