A exposición “O Herbario de Rosalía” pode visitarse en Tui até o 16 de xuño
É unha mostra con 40 imaxes dos 150 pregos que conforman o Herbario físico creado polas profesoras Isabel Fraga Vila e María López Sández
O Anexo da Sala Municipal de Exposicións, no Edificio Francisco Sánchez, de Tui acolle até o 16 deste mes de xuño a exposición ‘O Herbario de Rosalía’. É unha mostra conformada por 40 imaxes do Herbario real realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.
As 40 imaxes do Herbario que forman a exposición están divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así¬ como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Esta mostra, que está a itinerar por todo o país, abriuse en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid. Agora chega ata Tui gracias á colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e a Fundación Rosalía de Castro.
En 2019 as profesoras Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández doaron á Fundación Rosalía de Castro e á súa Casa-Museo o Herbario de Rosalía a partir da obra da autora, que consta de 150 pregos, con cadansúa planta no interior. “Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira”, afirmaron. En 2022 a Fundación Rosalía publicou o libro homónimo coa totalidade das 150 plantas, que se pode atopar en todas as librarías do Estado.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, subliña que a proposta de expoñer o herbario de Rosalía “ten todo o sentido e está xustificada pola importancia da natureza na súa obra”, ante o que animou a toda a veciñanza a visitar a instalación e aumentar o seu coñecemento da autora, trátase dunha exposición cunha perspectiva diferente, mostrando un herbario literario (non científico) “que busca aproximarse ao que podería facer a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra”.
As plantas na obra de Rosalía
O cantar II de Cantares gallegos comeza dicindo “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”. Flores e plantas ocupan un lugar sobranceiro na obra de Rosalía, consagrada á dignificación da paisaxe galega e das súas xentes. Durante o ano 2019, Mª Isabel Fraga Vila e María López Sández materializaron un herbario físico conectado coa obra de Rosalía de Castro dentro dun proxecto da Universidade de Santiago. Para isto foi preciso un baleirado completo da súa obra, poética e en prosa, para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas.
Despois, seguindo o ciclo anual e privilexiando os espazos rosaliáns, aqueles que ela transitou e que describiu nas súas obras, seleccionaron o material: unha importante serie de rosas, acorde coas máis de 70 mencións que teñen na obra de Rosalía; pero tamén de herbiñas do camposanto ou herbas do campo florido, coherentes coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo Romanticismo, desde Wordsworth á propia Rosalía.
Sen o coñecemento botánico de Mª Isabel Fraga Vila, profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC, esta empresa non tería sido posible; mais non se trata dun herbario científico, senón dun herbario literario, un achegamento ás plantas e flores queridas á Rosalía, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito a autora durante os paseos na natureza dos que tanto gustaba e que inspiraron os seus versos. Se os narcisos de Wordsworth se converteron nun símbolo universalmente coñecido da paisaxe inglesa, as rosas, as herbiñas do camposanto, as herbiñas do campo florido coas que Rosalía pintou as terras galegas tamén merecen perdurar.