Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A xestión da biomasa nas faixas secundarias debe realizarse antes do 31 de maio

20/05/2025

O Concello de Tui lembra a necesidade de manter limpos os terreos nas proximidades dos núcleos de poboación

Ante a proximidade da tempada de alto risco de incendios forestais, o Concello de Tui lembra que se debe realizar xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección. Esta medida preventiva é fundamental para minimizar o risco de propagación do lume e protexer tanto as vidas como as propiedades da veciñanza, polo que se solicita a colaboración cidadá.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece a obrigatoriedade de manter limpas de maleza e residuos a franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, ou vivendas illadas. Esta actuación inclúe a eliminación de vexetación seca, restos de poda e calquera outro material combustible que poida actuar como iniciador ou propagador de incendios. Ademais, nos primeiros 30 metros da faixa non poderá haber especies que favorezan a propagación do lume como piñeiros, acacias e eucaliptos, toxos ou xestas.

Co obxectivo de asegurar o cumprimento desta medida de seguridade, o Concello de Tui informa da necesidade de levar a cabo estas labores de xestión da biomasa antes do 31 de maio.

O Plan de actuación municipal contra incendios forestais do Concello de Tui pódese consultar no Portal de Transparencia.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, fai un chamamento á responsabilidade e colaboración da veciñanza para levar a cabo estas tarefas de prevención.  

Esta información pódese ampliar na casa do concello, no correo medioambiente@tui.gal ou no teléfono 986 60 36 25.

Cómpre lembrar que en caso de incendio forestal se debe chamar ao 085 ou ao 112.