Tui acolle o Campionato de España de embarcacións T850, GT60
Como novidade celebrase a primeira proba do Campionato de GT15
Cita destacada no mundo da motonáutica esta fin de semana en Tui coa celebración do Campionato de España de embarcacións T850 e GT60, e por vez primeira GT15.
Unha ducia de pilotos participarán neste evento que comezará este venres, 16 de maio, a partir das 17 h coas verificacións técnicas. O sábado ás 11.30 h terá lugar a clasificación. A primeira manga disputarase ás 14.00 h, a segunda ás 16.00 h, a terceira ás 18.00 h e a cuarta ás 20.00 h. A entrega de premios celebrarase ás 21.00. Será en augas do río Miño nas inmediacións do Club Náutico San Telmo.
Este Campionato de España de embarcacións T850, GT60 e GT15 presentouse este mediodía na sede do Club Náutico San Telmo contando coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, do Comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll, do xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, e do presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, Carlos Gago.
O presidente da RFGM, Carlos Gago, manifestou que “é un orgullo volver a celebrar este campionato en Tui”, onde indicaba que se senten como en casa polo entorno, as instalacións e as facilidades para levar adiante este evento. Competirán lanchas rápidas T850 e GT60, de 70 cv 2 tempos e 70 cv 4 tempos.
Nunha clara aposta pola base por parte da Federación Galega en Tui comezará a primeira proba do Campionato de GT15 con embarcacións máis pequenas e limitadas a 16 anos. No mesmo contan xa con 5 embarcacións inscritas das que dúas son galegas. Avanzaba Carlos Gago que dende a Federación becaran a un ou unha piloto para participar nas catro probas que forman parte deste Campionato Nacional nesta categoría cunha embarcación da propia Federación, para o que realizarán probas de selección e cursos en distintos puntos de Galicia.
A Comandancia Naval do Miño velará pola seguridade da proba, tal e coma explicaba o Comandante Naval, Andrés Díaz-Ripoll.
O xefe de servizo provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, agradecía o compromiso do Concello de Tui para promocionar o deporte. Destacaba que este campionato contribúe a facer que Galicia sexa un referente na organización de eventos deportivos. Convidaba a disfrutar deste campionato, de Tui, da súa gastronomía,…
Pechaba as intervencións o alcalde, Enrique Cabaleiro, amosando o seu orgullo por ser sede deste Campionato de España, e agradecendo á Federación a súa celebración na cidade. Salientaba como albergar un campionato de España leva que tanto en Tui coma na comarca creza a afección pola motonáutica. Por outra parte sinalaba Enrique Cabaleiro que “o deporte é unha das nosas principais sinais de identidade, con multitude de equipamentos deportivos, clubs, …”. Amosou o seu convencemento no éxito de público, participación e organización deste evento nunha fin de semana, na que en Tui haberá tamén unha importante actividade tanto deportiva coma cultural.