Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición “A Fermosura do pequeño”, con 75 maquetas de José Martínez Clotet pódese visitar até este sábado

6/05/2025

Máis de 2 mil persoas pasaron xa pola mostra

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle ata este sábado, 10 de maio, unha excepcional exposición que recolle as maquetas de Tui realizadas por José Martínez Clotet. Co titulo de “A fermosura do pequeno” esta mostra recolle un total de 75 maquetas, onde salientan as espectaculares maquetas de Tui e Valença, ás que se unen as 42 fachadas de todos os edificios do Paseo da Corredoira tudense e as 29 maquetas de monumentos, igrexas e outros edificios singulares do municipio.

José Martínez Clotet, natural de Murcia pero radicado en Tui dende hai moitas décadas, é un afeccionado ao maquetismo, que comezou a elaboración destas maquetas no ano 1981 que reproducen a tamaño reducido os principais monumentos e lugares do noso municipio. A última das súas achegas foi a reprodución das fachadas dos edificios do emblemático paseo tudense da Corredoira, que é a primeira ocasión en que se expoñen ao público.

Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Cultura, agradece ao propio autor, José Martínez Clotet, así como a Alejandro Pardo, propietario dun bo número das maquetas exhibidas, a súa inestimable colaboración para realizar esta mostra coa cesión das maquetas que se exhiben na Sala Municipal de Exposicións e que ven colleitando un enorme éxito de público con máis de dous mil visitantes dende a súa inauguración o pasado 19 de abril.

Esta colección, resalta a concelleira tudense, resulta enormemente atractiva tanto polo seu valor case documental ao achegarnos aos monumentos tudenses como polo seu valor como expresión artesanal, pois Martínez Clotet ten elaborado estas miniaturas de xeito completamente manual pero cunha extraordinaria habelencia no seu traballo, cheo de minuciosidade e paciencia.