Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Unha vintena de actividades culturais conforman a programación de “Tui en Letras”

3/05/2025

O 17 de maio celebrarase a XXVI Feira do Libro Galego na Corredoira e en xuño conmemórase o aniversario dos Xogos Florais de Galicia

Preto dunha vintena de actividades cultural vanse desenvolver neste mes de maio e no de xuño en Tui dentro da programación de “Tui en letras”. Entre os eventos previsto destacan os centrados na celebración do “Día das Letras Galegas” e o aniversario do Xogos Florais de Galicia. Amais ao longo das próximas semanas haberá tamén outras  propostas relacionadas co libro e a lectura que achegaran especialmente a lingua e a cultura de Galicia á veciñanza e as persoas que visiten a cidade.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca o esforzo do Concello para levar a cabo nestes dous meses “unha oferta cultural para todas as idades: presentacións de libros, recitais, contacontos, exposicións...”. Sinala Sonsoles Vicente que  “se ofertan unhas propostas diversificadas relacionadas especialmente coa cultura galega, destacando especialmente a celebración da tradicional Feira do libro galego coas librarías tudenses Iris e Nobel que chega este ano a súa vinte seis edición e que supoñen sacar os libros en galego á rúa para favorecer a súa promoción e coñecemento”.

O programa de “Tui en letras” comezará o próximo martes, 6 de maio, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal co contacontos “Bichocas” a cargo de Xarope Tulú. Ao día seguinte, mércores 7, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez a xornalista mexicana afincada en España Laura Martínez Alarcón presentará a súa novela “El baúl de la República”.

Mentres, o venres 9, abrirá no Anexo da Sala Municpial de Exposicións a mostra con motivo do Día das Letras Galegas “Cantareiras: poesía popular oral”.

O programa continuará o luns, 12 de maio, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez coa presentación das novelas “Martín no sabe morir” e “El ruido de los tonos grises” de Lisi da Silva.

 

Mentres o mércores, 14 de maio, a praza de San Fernando acollerá a XVI Tui Le, unha iniciativa das bibliotecas escolares tudense e da Biblioteca Municipal que encherá a praza de libros e actividades entorno ao libro e a lectura.

Dende da programación “Tui en letras” o venres, 16 de maio, ás 10 h, na Sala Municipal de Exposicións inaugurarase a mostra “Borders” de Jacinto Lara. Poderá visitarse neste espazo até o 28 de xuño.

Un dos actos centrais de “Tui en letras” será a celebración do Día das Letras Galegas o sábado 17 de maio coa XXVI Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira con postos de libros en galego das librarías Espazo Lector Nobel e Iris. O pregón, ás 12 h, correrá a cargo do historiador Bieito Alonso. A compañía Espectacular presentará “Os mundos de Elisa” ás 12.15 h, María Faltri actuará con “Coa pandeireta na man” ás 18 h, e as Cantareiras da Asociación Cultural da Darraia ás 19 h.

Xa para o martes 20 de maio, ás 17.30 h, na Biblioteca Municipal está programado “Historias fabulosas con maxia” con Elisa Alfaya. O venres 23 ás 20 h no edificio Francisco Sánchez presentarase o libro “Sobredo” de Quico Paz Antón, no que amais do propio autor intervirá tamén Bieito Alonso.

A programación de maio pecharase o martes 27 ás 17.30  h na Biblioteca con contacontos “Descontacontos” con Galitoon.

O mes de xuño abrirase con dúas exposicións. O Anexo da Sala Municipal de Exposicións  acollerá do 2 ao 14 de xuño a mostra “O Herbario de Rosalía”. Mentres do 2 ao 11 de xuño poderase visitar na Sala “Telón” no mesmo edificio Francisco Sánchez unha exposición dos traballos realizados nos distintos obradoiros impartidos pola Asociación de Amas de Casa de Tui.

Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente,  véspera desta celebración, o mércores 4 de xuño ás 20 h, na Sala Féix Rodríguez, presentarase o libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as claves para afrontar as grandes ameazas do século XXI” de Francisco Peña Castiñeira.

“Tui en Letras” deste ano pecharase coa conmemoración dos Xogos Florais de Galicia no seu CXXXIV aniversario dos Xogos Florais de Galicia. Así o xoves, 19 de xuño, o Paseo da Corredoira acollerá a exposición “Tui nas letras”.  O mércores 25 ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo Jose Cela terá lugar o espectáculo “Cintaadhesiva”, cos poemas de Silvia Penas e música de Jesús Andrés Tejada. Por último o xoves 26 de xuño, ás 20 h, na praza do Pracer presentarase libro “Obra en galego de Francisca Herrera”, realizándose a continuación o descubrimento dunha placa conmemorativa de Francisca Herrera na casa da familia Areal na rúa do Pracer.

Ver programación