Abertas as inscricións para a Carreira Solidaria Popular de San Telmo
Este ano será o I Memorial Xosé Martínez Tato
Están xa abertas as inscricións para a Carreira Popular de San Telmo que se vai celebrar o sábado, 26 de abril, dentro das festas de San Telmo, organizada polo Club Atletismo Tui e o Concello de Tui. Este ano será I Memorial Xosé Martínez Tato, en recoñecemento ao seu labor coma primeiro organizador deste evento deportivo, do que estivo ao fronte ao longo de moitos anos.
A inscrición, gratuíta, está aberta a través do formulario dispoñible na web https://clubatletismotui.wordpress.com/carreira-san-telmo/ até o martes 22 ás 23 h. Na entrega dos dorsais, que terá lugar dende ás 9.30 h na praza da Inmaculada, realizarase a “Operación Quilo” coa recollida de alimentos non perecedoiros que serán doados a SOS Tomiño – Baixo Miño.
Na Carreira Popular de San Telmo establécense distintas categorías dende os Pitufos, nados nos anos 2020, 2021 e 2022, a Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil – Junior, Senior e Veteranos A e B. As distancias oscilarán dende os 80 metros dos máis pequenos aos 6.150 metros das categorías superiores.
A saída terá lugar no Paseo da Corredoira ás 11 h para as categorías Xuvenil – Junior, Senior, e Veterano A e B. Ás 12 h será para as categorías Cadete e Infantil, ás 12.15 h Alevín, ás 12.30 h Benxamín, ás 12.45 h Prebenxamín, e ás 13 h as e os Pitufos.
O regulamento da carreira pode consultarse na web do Club Atletismo Tui.