Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Heredeiros da Crus abre en Tui a xira do seu novo traballo “Trankimasin”

9/04/2025

O concerto será o domingo 20 ás 19.30 h, no Espazo Feiral, dentro da programación das festas de San Telmo

Heredeiros da Crus inaugurará en Tui a xira do concertos do seu novo traballo  “Trankimasin”. O que será un dos grandes concertos das festas de San Telmo deste ano 2025 terá lugar o domingo 20 de abril ás 19.30 h no Espazo Feiral. 

O grupo de rock coruñés volve aos escenarios  para presentar os temas de, “Trankimasin”, que se presenta como unha colección de 12 comprimidos receitados en caso de “deficiencia sanguínea de rock setentero”. Unhas cancións que, na liña desta banda icónica de rock en galego, van dende a irreverencia ata a retranca, sempre mesturados con guitarras electrizantes. 

Javi Maneiro (voz), Antonio Novo Suárez (guitarra), Tonhito de Poi (guitarra), Francisco Velo (baixo) e Manu Rey (batería) conforman Heredeiros da Crus. Unha banda que cumpre 33 anos con grandes éxitos como “Quero josar”, “Non che teño medo” ou “Corasón de Carballo”, que non faltarán no concerto que ofrecerán en Tui.