Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación do libro “Una judía en el Camino de Compostela” e da exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” de Vilma Faingezicht

30/08/2024

Será o luns ás 20 h na Sala Municipal onde tamén se poderá ver a mostra “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”

O próximo luns, 2 de setembro, ás 20 h, na Sala Municipal de Exposicións, do Concello de Tui terán lugar tres actividades dentro do  programa “Setembro xudeu en Tui”.

A pintora e escritora de Costa Rica, Vilma Faingezicht, presentará na nosa cidade o seu último libro “Una judía en el Camino de Compostela”. No mesmo relata a súa experiencia persoal como peregrina xacobea no ano 2022 e no quen ten unha significación substancial a elección, case casual, de Tui como lugar de inicio da súa peregrinaxe pois na nosa cidade encontrase coa colección de sambenitos que dada a súa condición de xudía determinará a súa experiencia como peregrina e que recolle nesta obra.

Froito deste encontro cos sambenitos tudenses Vilma Faingezicht retoma unha colección de obras pictóricas e collage centradas na Inquisición que actualiza para presentar en Tui esta mostra titulada “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” na que nos ofrece a súa particular visión do papel da Inquisición nas comunidades xudías e a memoria que aínda perdura dos mesmos.

Vilma Faingezicht nace en Costa Rica, filla de inmigrantes xudeus oriundos de Polonia que chegan a aquel país hispanoamericano en 1946 logo de sobrevivir á Segunda Guerra Mundial. Vilma vivirá en Israel, México e Puerto Rico retornando posteriormente a Costa Rica. Licenciada en Filosofía completa os seus estudios en Historia, Deseño, Decoración e Artes Plásticas, iniciando unha ampla traxectoria artística con numerosas exposición, tanto no seu país como no exterior, e publicando diversos libros de relatos. É fundadora  do Museo da Comunidade Xudía de Costa Rica, centro do que foi directora varios anos.

Esta exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” estará aberta ao público ata o 27 de setembro. Estará complementada pola exposición “As familias criptoxudías, entre a diáspora e a asimilación, os Coronel”, comisariada polo historiador tudense Suso Vila que incide na temática da presente edición das Xornadas Europeas da Cultura Xudía dedicada este ano á “Familia”. Nesta mostra, que o concello de Tui recupera, temos un percorrido pola traxectoria dunha das familias criptoxudías tudense máis representativa, os Coronel.

Para Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio, resulta un privilexio contar coa presenza en Tui de Vilma Faingezicht a quen agradece o esforzo e entusiasmo para esta colaboración co Concello de Tui, tanto na presentación tanto do seu libro como da mostra da súa obra pictórica que incide en dous eixos da promoción turística e cultura da nosa cidade: o Camiño de Santiago e o patrimonio xudeu.

A concelleira tudense sinala que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).