Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Esta fin de semana celébrase o IV Festival da Cultura Tradicional e Folk

11/07/2024

O sábado terá lugar o Certame de Gaita e Tamboril, unha conferencia mostra do traxe galego e o concerto de Ardentía e o domingo o IX Día da Muiñeira de Tui

A música e a vestimenta tradicional serán protagonistas esta fin de semana en Tui no IV Festival da Cultura Tradicional e Folk organizado pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui. Este é o segundo dos eventos da programación “Tui, verán na rúa”.

O programa comezará este sábado, 13 de xullo, a partir das 20 h na praza de San Fernando coa celebración do IX Certame de Gaita e Tamboril no que haberá participantes das catro provincias galegas.

De seguido a praza e o pórtico da Catedral acollerán pezas únicas e orixinais da vestimenta tradicional na mostra conferencia sobre o Traxe Galego que ofrecerá o Grupo Etnográfico Traxandaina.

A partir das 22.00 h o público poderá disfrutar do concerto do grupo folk Ardentía. Fundado en 1989 nas súas actuacións combinan  música tradicional e cantigas populares transmitindo a súa paixón pola cultura musical galega.  Ardentía conta con cinco traballos discográficos; Adiante, Vintage, Quince anos de viaxe, Retellando e Ardentía, cos que deixaron unha pegada destacada no panorama musical galego. Este sábado en Tui interpretarán os temas máis representativos da súa longa traxectoria.  

O programa do IV Festival da Cultura Tradicional e Folk continuará o domingo coa celebración do IX Día da Muiñeira de Tui. Os once grupos participantes sairán ás 19.30 h dende o edificio Francisco Sánchez para protagonizar un pasarrúas até o paseo da Corredoira onde actuará cada un dos grupos de forma individual, haberá entrega de agasallos, e actuación conxunta. Estarán presentes Saragana de Tui, Flores do Galiñeiro de Gondomar, Carballo das Cen Polas de Redondela, Ecos e Agarimos de Peitieros de Gondomar, O Mosteiro de Pexegueiro, Peña Xuntanza de Vigo, Pais de San Roque de Cangas, Andarela de Vigo, Troncos aos pés de Marín, e grupo Andaina de Vigo e Alfándega de Tui.

Deste xeito pecharase esta destacada cita co folclore en Tui.