Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O CEIP nº2 de Tui recoñecido co Distintivo de calidade de centros docentes "Sello Vida Saludable 2024" do Ministerio de Educación

10/07/2024

O Concello de Tui traslada a súa felicitación a toda a comunidade educativa por esta distinción nacional ao seu traballo

O CEIP Plurilingüe Nº2 de Tui vén de ser recoñecido co Distintivo de calidade de centros docentes "Sello Vida Saludable 2024" que outorga o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes. O BOE recollía onte a resolución da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional na que se recollen os 63 centros distinguidos a nivel nacional, dos que 11 son galegos e 7 da provincia de Pontevedra.

O “Sello Vida Saludable 2024”  recoñece aos centros educativos que  fomentan  a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a asunción de prácticas de vida saudables e unha educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización do alumnado.

O CEIP Nº2 de Tui recibe este galardón polo traballo realizado dende o centro ao abeiro do proxecto “Diver-xente” que levaron a cabo no curso escolar 2023-24, e no que afondaron nos ODS, Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles, e na Axenda 2030. Tamén pola súa participación no Plan Proxecta: Aliméntate ben, no Proxecto de Vida Activa e Deportiva – PVAD, polas actividades realizadas no medio natural, por ser un Centro Residuos Zero, e pola súa participación no Programa Voz Natura, no que tamén foron premiados, xunto a outras iniciativas como o Proxecto Erasmus+ “Promovendo estilos de vida saudables e mente feliz”.

Este recoñecemento coincide co 50 aniversario do CEIP Plurilingüe Nº2 de Tui, e plasma o esforzo e traballo realizado por xeracións de nenos e nenas, profesorado e familias.

A concelleira de Cultura e Ensino de Tui, Sonsoles Vicente salienta coma este distintivo de calidade de centros docentes "Sello Vida Saludable” é “un reflexo do compromiso da comunidade educativa do CEIP nº2 coa promoción de hábitos de vida saudable e a educación integral dos nosos nenos e nenas”. Engade que este recoñecemento non sería posible sen “o traballo diario de todo o equipo docente, a implicación das familias e, sobre todo, o entusiasmo e a participación do alumnado”.

Sonsoles Vicente quere trasladar a súa felicitación ao CEIP nº2, profesado, alumnado e familias, por este selo obtido a nivel nacional que testemuña o seu compromiso con estilos de vida saudables e valores de respecto e convivencia, ao tempo que agradece o seu compromiso e ilusión.