Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui foi en xuño o primeiro punto de saída de peregrinos do Camiño Portugués

5/07/2024

 Máis de 4 mil persoas elixiron a cidade para iniciar a súa peregrinación a Compostela o mes pasado.

Tui foi no mes de xuño o primeiro punto de saída de peregrinos do Camiño Portugués a Santiago. En concreto foron 4.083 persoas as que elixiron a cidade tudense para iniciar o Camiño Portugués, fronte ás 3.798 que partiron de Porto ou os 1.964 que o fixeron dende Valença. Amais no mes de xuño Tui foi o terceiro lugar de inicio do Camiño en todas das vías xacobeas,  logo de Sarria con 18.834 e St. Jean Pied de Port con 6.067.

O pasado mes foron 11.939 persoas as que completaron o Camiño Portugués, e por tanto saíron ou pasaron por Tui, o que representa un incremento do 17% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrinos da Catedral de Santiago.

Estes datos positivos súmanse aos da Oficina Municipal de Turismo que no mes de xuño recibiu a 2.400 persoas.

A concelleira de Turismo, Ana Núñez, salienta a “a positiva tendencia” que marcan estes datos estatísticos tanto no que atinxe ao número de peregrinos con case 12 mil persoas realizando o Camiño que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia, coma as máis de 2.400 que visitaron a Oficina de Turismo o mes pasado, dos que 1.493 turistas e 912 peregrinos.

Analizando estes datos queda plasmada por unha banda a procedencia maioritaria de persoas nacionais entre as que se achegan á Oficina de Turismo xa que  dos 912 peregrinos atendidos 536 eran españois, chegados principalmente de Madrid, Sevilla, Valencia ou Alacante, e 376 internacionais, procedentes maioritariamente de Alemaña, EEUU, Italia e Francia.

Mentres no que se refire aos peregrinos das 11.939 que completaron o Camiño Portugués en xuño o 70%, é dicir 7.192, eran estranxeiros; e 3.538, o 30%, españois.

Portugal co 17,7%, Estados Unidos co 9,12%, Italia co 5,23% e Alemaña co 4,88% foron os principais países de orixe. Mentres os peregrinos nacionais procederon principalmente de Andalucía, Madrid e Valencia.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, subliña que o número de peregrinos é superior aos ofrecidos por estes datos estatísticos da Oficina da Catedral compostelá pois os peregrinos que cada vez en maior número realizan o trazado oficial do Caminho Portugués da Costa, que dende Caminha vai por Vilanova de Cerveira e Valença, non son computados  nestes datos do Camiño Portugués senón do Camiño Portugués da Costa como se non pasasen por Tui.

A concelleira  salienta  tamén como estes datos de afluencia turística sinalan un crecemento paulatino da afluencia de peregrinos e visitantes á nosa cidade  e que conforman un dos grandes recursos socioeconómicos do noso municipio baseado nunha oferta sostible dos recursos patrimoniais e culturais que caracterizan Tui.

Engade a responsable de Turismo que “O Camiño de Santiago é unha fonte vital de ingresos e desenvolvemento para a nosa cidade. O importante número de peregrinos que mes a mes inician o camiño en Tui fomenta o crecemento dos sectores de aloxamento, gastronomía, comercio polo miúdo e transporte, ademais de impulsar o desenvolvemento de novos servizos e ofertas”. Salienta así que “este movemento turístico non só xera emprego e dinamiza a economía local, senón que tamén contribúe á promoción e revitalización de Tui como un importante destino turístico e cultural”.