Actividades infantís, bandas de música, charangas e verbenas nas festas de San Telmo que comezan este sábado
Un programa pensado para chegar a públicos de todas as idades. Así é a programación das Festas de San Telmo 2023 organizadas polo Concello de Tui e que brindarán dez días de animación dende este sábado, 30 de marzo, até o luns 8 de abril, festivo local en Tui. Estas festas, declaradas de Interese Turístico Galego, ofertan variedade de propostas, musicais, teatrais, gastronómicas,… para pequenos e maiores. Dúas carpas, na Corredoira e no Espazo Feiral, albergarán parte das propostas que terán lugar tamén na praza da Inmaculada, no Teatro Municipal, ou na rúa Compostela.
O público infantil e familiar poderá gozar cos espectáculos previstos na carpa da Corredoira. O luns 1 ás 18 h “Os ourizos agarimosos” achegarán música e monicreques. Barafunda presentará o martes 2 ás 18 h “Globotolo” e o xoves 4 ás 19 h “O globador tolo”. O venres 5 ás 18 h será a quenda de Peter Punk con “Chungo que te cagas” e o sábado 6 ás 18 h O Show de Fifo presentará “Soño”.
Tamén na carpa da Corredoira actuará este domingo 31 ás 12.30 h a Banda de Música Popular de Tui e ás 18 h a Agrupación Musical do Rosal. O mércores 3 e o xoves 4 ás 18 h será o alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui os que actuarán neste espazo. O domingo 7 ás 12.30 h estará en concerto a Unión de Guláns, e ás 18 h volverá actuar a Banda de Música Popular de Tui. O luns 7, luns de San Telmo, ás 12.30 h ofrecerá o seu segundo concerto a Banda de Música Xuvenil de Tui, que se presentou o pasado mes de decembro. Está integrada por unha trintena de músicos e músicas e dirixida por Eloy Carrera. Por último ás 18 h actuará, coma é xa tradicional, a banda de música da Escola Naval Militar de Marín.
Non faltará tampouco nas festas a animación de rúa. As charangas tudenses Cantos Somos, actuará este domingo 31 e o sábado 6, e A Tu Ritmo, o domingo 7. Pero amais Pulpiño Viascón ofrecerá un pasarrúas o venres 5 estreando o espectáculo “A Trikidisco”, Barafunda presentará “Os repoludos” o sábado 6 , e Troula “Polis Tolos” o domingo 7 e “Steampunk” o luns 8.
As verbenas serán amenizadas por América, La Oca Band, Claxxon, e Los Players que presentarán os seus novos espectáculos desta temporada.