Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui construíu unha nova rampla de acceso para o parque do CEIP Guillarei

5/09/2022

Tamén procedeu ao pintado de aulas e pasamáns, amais do seu lixado

O CEIP de Guillarei ten sido obxecto tamén ao longo das últimas semanas de diversas obras de mellora dentro das actuacións que o concello de Tui está a realizar nos centros educativos con fondos propios.

As obras executadas neste centro de Guillarei este verán consistiron na construción dunha nova rampla de acceso para o parque público que se atopa a carón do edificio, e tamén se procedeu ao pintado de aulas, así como de lixado e tamén pintado de pasamáns nas zonas comúns do centro  educativo.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, explica que o CEIP de Guillarei, é un dos centros do concello nos que se “están rematando xa todas as obras nesta tempada de vacacións estivais”. Di a concelleira que “aínda quedan obras pendentes en moitos deles e seguiremos o que a comunidade educativa nos vai solicitando”.

Lembra tamén Sonsoles Vicente coma “dende a comunidade educativa e co apoio do Concello de Tui, estaranse realizando as obras en todos os centros do concello”.

O concello tudense amosa desta forma o seu compromiso coa educación e coa seguridade dos nenos e nenas da contorna, impulsando e escoitando as demandas da comunidade educativa e das familias en favor duns colexios de calidade.