Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui acondicionou o patio dianteiro do CEIP de Pazos de Reis con zona axardinada e horto

29/08/2022

Tamén procedeu ao pintado de varandas e enreixados e á adecuación do patio de xogos

O CEIP de Pazos de Reis ten sido obxecto tamén ao longo das últimas semanas de diversas obras de mellora dentro das actuacións que o concello de Tui está a realizar nos centros educativos con fondos propios.

As obras executadas neste centro de Pazos de Reis este verán consistiron no acondicionamento do patio dianteiro, con zona axardinada, e bancadas para o horto escolar. Tamén se procedeu ao pintado de varandas, lixado e pintado de enreixados, e adecuación do patio de xogos traseiro con soleira de formigón e construción de escaleiras exteriores.

Xa durante a Semana Santa levarase a cabo a adecuación dos baños, o pintado das aulas de infantil e a colocación de tarima flotante na aula prefabricada.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, explica que o CEIP de Pazos de Reis, é dos centros máis antigos municipio, lembrando que en 2008 celebrou xa o seu 50 aniversario.  A edificación construtiva quedou obsoleta ante as novas competencias curriculares que se veñen introducindo no ensino o que dificulta ter un maior número de alumnado, aínda que ano a ano vai incrementando a matrícula dentro das posibilidades do centro.

Lembra tamén Sonsoles Vicente coma “dende a comunidade educativa e co apoio do Concello de Tui, estase demandando a construción dun novo colexio no espazo, así acordado xa no ano 2018, no que coñecemos como a Macoca”. Mentres non se realiza esa construción a concellería de Ensino realiza todos os anos obras “en prol da comunidade educativa para o seu mellor benestar e para conseguir unhas instalación públicas de calidade”.